Retrato persoal con eleccións galegas ao fondo: así foi a campaña do 26M

Carteis das municipais e europeas na contorna do complexo de San Caetano, sede da Xunta, coa súa principal bandeira ao fondo CC-BY-NC-SA Praza Pública

Adoita dicirse que nas eleccións municipais a cidadanía non vota por un partido senón por unha persoa, pola persoa que aspira á alcaldía da súa vila ou cidade, á que coñece directamente. A campaña electoral que vén de rematar permitiu ratificar en Galicia ese dito en gran parte dos casos. Pero estendendo ese personalismo máis alá das candidaturas locais e implicando nos resultados do domingo aos líderes das formacións, do PP ao BNG, coa excepción de parte dos socialistas subidos á vaga de voto estatal. 

O personalismo mesmo se estendeu aos comicios europeos que o domingo se celebran conxuntamente coas municipais e que, tras as xerais de hai un mes, deixarán por diante como principal reto as eleccións ao Parlamento de Galicia. Esas que Feijóo pode convocar en calquera momento antes de setembro do próximo ano 2020.

O discurso de Feijóo nesta campaña volveuse centrar en contrapoñer a división da esquerda e os seus posibles pactos coa súa propia xestión na Xunta. Como se nada pasase nos últimos doce meses

No PP, tras as eleccións xerais con máis fragmentación na dereita desde principios dos anos oitenta, o discurso de Feijóo nesta campaña, reiterado este mesmo venres no seu peche, centrouse en criticar a división da esquerda e os seus posibles pactos postelectorais e presentar a súa propia xestión á fronte da Xunta como aval dos candidatos municipais do PP, que espera mellorar os seus resultados especialmente nas vilas intermedias. Ou, dito doutro xeito, en boa medida como se nada pasase nos últimos doce meses: dende a sentenza do caso Gürtel que precipitou a caída do Goberno de Mariano Rajoy ata a división da dereita sen a que non se explica por completo que o pasado 28A os populares non lograsen ser primeira forza en Galicia por primeira vez na súa historia.

Carteis electorais nunha vila galega CC-BY-SA Praza Pública

A batalla na que máis se implicou Feijóo foi, outra volta, a das cidades, onde cinco dos sete candidatos foron membros do seu goberno

Pero é na batalla máis difícil, a das sete cidades, onde máis se implicou persoalmente Feijóo, ata o punto de que cinco dos candidatos populares estiveron no seu goberno. Este venres, na última xornada da campaña, e como xa fixo en carreiras electorais anteriores, Feijóo volveu evidenciar a súa implicación cos resultados do domingo. Percorreu máis de 600 para estar nas sete o mesmo. En Lugo, xusto nese aniversario da sentenza do caso Gürtel, estivo acompañado por Mariano Rajoy, nun novo intento de lembrar aos votantes os vellos bos tempos dos populares. Os de antes do annus horribilis.

Ferrol, a cidade na que pechou Feijóo a campaña e onde ningún alcalde foi quen de repetir, aparecía nas enquisas previas como a que podería ofrecer aos populares un mellor resultado, mentres que Ourense, a única na que viñan gobernando ata agora, ten a porta aberta a ser a capital da gran perda que arrastre consigo o eterno control da Deputación por parte dos Baltar. O reduto popular ourensán veu sendo clave para darlle ao propio Feijóo as súas sucesivas maiorías absolutas autonómicas. É, daquela, un termómetro esencial do impacto que o 26M poida ter no PPdeG.

O PSdeG subiu nesta campaña á onda ascendente de Pedro Sánchez, acrecentada polo resultado das xerais, e confía en que o escrutinio do 26M volva ser síntoma de cambio en Galicia

A menos de ano e medio duns novos comicios galegos, Feijóo apostou nestas eleccións a súa propia imaxe para contento de moitos candidatos populares que o ven como beneficioso para eles e xunto aos que proclamou que elixir as papeletas populares o 26M é algo que vai alén das siglas. Tamén apostou a súa imaxe o líder estatal do partido, Pablo Casado, para desgusto dalgúns outros. Porque foi Casado quen protagonizou os envíos postais do partido en vez deses aspirantes locais. Do resultado xeral do PP en todo o Estado dependerá que se reabra por enésima vez o debate sobre Feijóo como substituto de Casado en Madrid, o que podería influír nos tempos deses comicios galegos que se albiscan no horizonte. 

Xunto coa debilidade propia acrecentada pola división da dereita, o PP enfróntase a unha vaga de voto a favor dos socialistas que as enquisas veñen estendendo e aumentando desde a vitoria de Pedro Sánchez nas xerais. O propio líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, subiu a esa onda, como fixeron boa parte dos candidatos locais. A excepción que confirma a regra é, como en tantos outros indicadores, o vigués Abel Caballero, posiblemente o máis personalista dos candidatos destes comicios. A súa vaga de voto leva xa doce anos crecendo sen precisar de apoios externos, pero un novo apoio esmagador o domingo tamén sería presentado pola Executiva Nacional do PSdeG como síntoma inequívoco do cambio de ciclo en Galicia.

Cabezas de lista das principais forzas políticas nas cidades galegas para o 26M CC-BY-NC-SA Praza Pública

Marea Atlántica e Compostela Aberta tamén desenvolveron unha campaña en clave persoal, co foco en Ferreiro e Noriega e no debate municipal

Á esquerda do PSdeG, as mareas municipais que irromperon nos concellos en 2015 con Marea Atlántica e Compostela Aberta como principais referentes tamén se embarcaron nunca campaña de diferenciación de cadansúa candidatura fronte a propostas alleas e poñendo o foco no debate municipal. Fronte á vaga socialista que segundo algúns inquéritos podería superalos, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega non son Pablo Iglesias, viñeron lembrar, sen que xa fose necesario engadir que tampouco son Luís Villares, voceiro de En Marea que se envorcou máis na campaña europea e nas candidaturas municipais que se acolleron ao "paraugas" destas siglas.

A ruptura de toda relación entre os alcaldes das principais cidades, Podemos e Esquerda Unida con En Marea e os seus malos resultados nas xerais de hai un mes deixaron o futuro do partido que lidera Villares en pausa ata despois destes comicios. Daquela reabrirase a "reflexión" anunciada no seo do grupo no Parlamento de Galicia, sobre o que paira a pantasma dunha ruptura que lle faría perder a condición de segunda forza e, como consecuencia máis inmediata, tamén o dereito a elixir un posto no Senado que pode ser outra das claves das negociacións. Se Ferreiro, Noriega ou ambos son quen de reter cadanseus bastóns de mando o 26M volverán ser, previsiblemente, referencias clave na reconfiguración deste espazo político. 

O foco persoal tamén estivo moi presente na campaña municipal e europea do BNG, no seu caso presentando a figura da súa portavoz nacional, Ana Pontón, mesmo por diante de moitos candidatos locais confiando na progresiva recuperación de voto e mellora das sensacións políticas que veñen experimentando desde que ela está á fronte da formación. A líder do Bloque desenvolveu unha intensa campaña esgrimindo os concellos nos que a formación soberanista xa goberna, con Pontevedra como principal emblema, como mostra da xestión que son quen de desenvolver.

Millán Mon (PP), González Casares (PSOE), Miranda (BNG), Senra (En Marea), Angustia (Unidas Podemos) e Piñeiro (CxG), candidatos galegos ao Parlamento Europeo CC-BY-SA Praza Pública

Miranda ou Senra foron exemplo de identificación persoal na campaña das europeas en Galicia

Nesta campaña só unha persoa fixo sombra a Pontón, buscada en moitos casos polo propio partido, e foi a candidata nacionalista ás eleccións europeas, Ana Miranda, o mellor exemplo de que tamén neses comicios ao Parlamento Europeo os partidos buscaron unha identificación persoal dos candidatos. Ata o popular Francisco Millán Mon, o que menos se prodigou por Galicia durante as súas lexislaturas na Eurocámara, foi presentado como o candidato galego do PP. Igual que persoal foi tamén a campaña da candidata de En Marea, Lidia Senra, despois de que hai cinco anos obtivese o seu escano na Eurocámara cunha suma de apoios moi distinta.

Tras os comicios do domingo ábrese de xeito inmediato e paralelo un intenso proceso de negociación para as investiduras das novas alcaldías. O proceso correrá paralelo ás conversas en Madrid para formar o vindeiro Goberno de España, que influirán no clima en que se desenvolvan, pero cunha diferenza fundamental: as novas corporacións locais teñen un prazo estipulado para constituírense, un 15 de xuño tras o cal en Galicia quedará definitivamente aberta outra precampaña. A dos comicios galegos máis incertos dende a caída do bipartito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.