Marcos Pérez Pena

Unha ducia de novas máis lidas en Praza no ano 2023

Remata o ano e facemos un repaso ás novas que máis lestes nos últimos 12 meses, un ano marcado pola dobre convocatoria electoral (municipais e xerais) ou as mobilizacións dos traballadores e traballadoras dos medios públicos ou do persoal e usuarios do sistema sanitario. Novas, reportaxes, entrevistas, artigos de opinión e pezas de datos coas que percorremos o que deu de si o ano 2023 que deixamos atrás, o duodécimo de Praza.gal

  1. 01

    O monopolio da morte: Competencia multa unha funeraria con 83.000 euros por impedir usar un tanatorio a competidoras

    A morte é un asunto moi serio en Galicia e ademais, un importante sector económico. A finais de xaneiro publicamos que Competencia multara unha funeraria con 83.000 euros por impedir usar un tanatorio a competidoras. Foi, xunto coa súa continuación, días despois (A funeraria multada por Competencia por impedir usar un tanatorio a outras tamén foi condenada pola Audiencia de Pontevedra) a nova máis lida do ano en Praza.gal

  2. 02

    O Sergas é condenado por demorar un ano unha operación que debía tardar 90 días e que o doente rexeitou desviar á concertada

    Entre as novas máis lidas do ano figuran varias relacionadas co funcionamento do sistema sanitario en Galicia: listas de espera, mobiizacións do persoal e da cidadanía ou varias condenas contra o Sergas. Entre elas destaca esta, publicada o 7 de febreiro: O Sergas é condenado por demorar un ano unha operación que debía tardar 90 días e que o doente rexeitou desviar á concertada. E tamén estoutra: O Sergas é condenado por acoso laboral nun centro de saúde, do 15 de maio

  3. 03

    A noticia reescrita que fixo estoupar o enésimo conflito na CRTVG

    Ao igual que sucede coas mobilizacións da sanidade, dende hai anos vimos facendo un seguimento puntual das reivindicacións do persoal da CRTVG e varias destas informacións aparecen entre as cen máis lidas do ano en Praza.gal. A primeira é esta, do 11 de agosto: A noticia reescrita que fixo estoupar o enésimo conflito na CRTVG, na que relatabamos o caso dun traballador que se negou a modificar unha nova, como lle indicaran os seus superiores, apelando á cláusula de conciencia, e foi posteriormente castigado cun traslado a outro espazo.

    Entre as máis lidas tamén figura a nova da cancelación da emisión de Luar por mor dunha folga na CRTVG, a primeira vez que isto sucedía en 32 anos.

  4. 07

    6º da ESO e primeiro de nada

    Entre os artigos de opinión máis lidos estivo este de Rebeca Baceiredo, 6º da ESO e primeiro de nada, publicado o pasado 10 de novembro e no que a autora reflexionaba sobre a aprendizaxe o alumnado na actualidade 

  5. 08

    Un xulgado abre dilixencias por prevaricación contra o director de Mobilidade da Xunta pola súa xestión dos autobuses

    O pasado 6 de abril publicamos que un xulgado abrira dilixencias por prevaricación contra o director de Mobilidade da Xunta pola súa xestión dos autobuses. Nos meses seguintes outras novas que deron seguimento a este tema tamén apareceron entre as máis lidas

    Por exemplo, cando en outubro publicamos que O Supremo fai firme que Monbus e Alsa se repartiron o mercado ilegalmente e avala que sexan sancionadas

  6. 09

    As mulleres usan e transmiten menos o galego que os homes polos "prexuízos" que identifican o castelán como lingua de maior prestixio

    Publicamos un gran número de informacións relacionadas coa lingua galega. Entre as máis lidas figura esta análise realizada polo Consello da Cultura Galega, que nun informe destacou en novembro que As mulleres usan e transmiten menos o galego que os homes polos "prexuízos" que identifican o castelán como lingua de maior prestixio. Entre as máis lidas do ano 2023 aparece tamén estoutra, publicada aínda nos últimos días do ano 2022: O Censo sitúa por vez primeira o castelán como a lingua usada con máis frecuencia en Galicia 

  7. 12

    O misterioso ocaso da gaivota nas costas galegas

    Entre as reportaxes máis lidas neste ano atopamos a do misterioso ocaso da gaivota nas costas galegas, que no verán alertou sobre a rápida diminución dos exemplares desta especie nos últimos anos.

  8. 15

    Unha ducia de curiosidades ao redor da 'Carta Xeométrica' de Fontán

    E, por último, rematamos coa ducia máis lida do ano, que foi a dedicada á 'Carta Xeométrica' de Domingo Fontán o pasado mes de outubro, coincidindo co aniversario do seu pasamento.