BNG, PSdeG, Podemos e Vox alegarán contra o plan de cobertura da CRTVG para as eleccións do 28 de maio. O PP, pola contra, xa amosou a súa conformidade.
Fálase
A Organización Mundial da Saúde decreta a fin da emerxencia sanitaria internacional pola COVID-19 que declarara en xaneiro de 2020, dous meses antes de abordar o SARS-CoV-2 como unha pandemia. A OMS destaca que a decisión se basea en aspectos como a diminución de hospitalizacións e falecementos ligados á doenza e "os altos niveis de inmunización da poboación". Sinalan que fican "incertezas", pero que xa é o momento de abordar a pandemia do coronavirus con estratexias "a longo prazo". Na imaxe [© OMS], o director xeral da OMS, o doutor Tedros Adhanom.
- HEMEROTECA | Tres anos da chegada da COVID e da precariedade no seu seguimento
- HEMEROTECA | O impacto psicolóxico persiste aos tres anos da pandemia, que fixo medrar a concienciación sobre a saúde mental
- HEMEROTECA | As camas hospitalarias ocupadas en Galicia por pacientes ingresados a causa da COVID xa son menos do 1%
Os sindicatos CC.OO. e UGT pactan coas patronais CEOE e CEPYME unha suba dos salarios do 4% este ano e do 3% en 2024 e 2025. A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, agradece "un acordo tan importante" que ve "destinado a protexer os salarios das persoas traballadoras". O acordo, adiantado pola Cadena SER, ten que ser agora ratificado polos órganos directivos das partes. Na imaxe, representantes das devanditas organizacións sindicais e empresariais, nunha imaxe de arquivo con Díaz.
- 1M | Subir soldos ante a perda adquisitiva da clase traballadora: Primeiro de Maio contra a inflación
- 1M | | CC.OO. e UGT reclaman á patronal maiores subas de salarios para "un reparto xusto" ou "haberá conflito"
- 1M | A CIG chama a "intensificar" a mobilización ante "unha realidade económica e social extrema"
Falece Arsenio Iglesias, mito do Deportivo e do fútbol galego. O ex-futbolista e ex-adestrador arteixán morreu na Coruña aos 92 anos.
Así soa Aire, o novo sinxelo das Tanxugueiras. O tema, producido por Lowlight, "fala de liberdade, de ser e de reinventarse. Unha viaxe a toda velocidade sen pensar moi ben nas consecuencias", explican. Cadrando co lanzamento da canción en todas as plataformas e mais do vídeo, realizado por Trece Amarillo, o grupo detalla as vindeiras datas da súa axenda de concertos en Guitiriz (4 de xuño), A Estrada (24 de xuño), Vimianzo (Asalto ao Castelo, 1 de xullo) ou Monforte (15 de agosto), ademais de múltiplas citas fóra de Galicia.
Persoal da CRTVG e representantes de colectivos sociais, sindicais e culturais volven mobilizarse ante a sede da Xunta en Compostela para reclamar "uns medios públicos ao servizo de todas as galegas". O comité intercentros ten convocadas dúas novas xornadas de folga en maio logo do éxito da último o pasado 25 de abril.
A enxeñeira informática Verónica Bolón (Carballo, 1984) recibe o Premio Ada Byron polos seus traballos de investigación en intelixencia artificial sostible e a súa aposta polo fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas. O galardón que entrega o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) busca dar visibilidade ao traballo das mulleres na tecnoloxía
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego diminuíron en 2.504 en Galicia durante o mes de abril (-1,77% fronte ao -2,58% da media estatal) e quedaron en 139.343, o que supón 11.259 menos que un ano antes, unha caída do -7,48% lixeiramente inferior á media, do -7,75%. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 6.784 persoas (+0,65% e na media, +1,17%) e chega aos 1,05 millóns de cotizantes. Son 16.318 máis que en abril de 2022 (+1,58% e na media estatal, +2,98%).
O Consello de Ministros autoriza a construción da nova estación intermodal de Lugo e aproba 21,6 millóns de euros para as obras, que terán un prazo de 16 meses. Trátase da última operación urbanística para xuntar bus e tren nas cidades galegas, desbloqueada de vez o pasado marzo. Segundo o convenio que rexe o proxecto, o Estado achega o 63% do custo total do proxecto a través do Adif (30,9 millóns), o 27,9% corresponde á Xunta (13,7 millóns) e o 9,5% restante son 4,7 millóns de euros que achega o Concello lucense. Na imaxe [© Adif], recreación da nova estación.
Os boletíns provinciais publican este martes a relación definitiva de candidaturas para as eleccións locais do vindeiro 28 de maio. Nas cidades galegas a única novidade é a non proclamación da lista da Falange Española, formación que polo tanto non concorrerá ás eleccións en Galicia o vindeiro 28M.