A cuarta dose da vacinación contra a COVID comezará a ser administrada o vindeiro 26 de setembro a persoas maiores de 80 anos e, por baixo desa franxa de idade, a quen vivan en residencias. Así o confirmou a ministra de Sanidade, Carolina Darias, que especifica que se trata de vacinas "adaptadas á variante ómicron". Este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou que a Xunta está en disposición de iniciar esta nova campaña de vacinación na data acordada polo Estado. En anteriores campañas destinadas a maiores de 80, Galicia recibiu maior proporción de doses que outros territorios do Estado por contar con máis poboación nese rango de idade.
