📺VÍDEO | Queremos Galego interrompe o pleno cun acto a prol da lingua galega durante a intervención do conselleiro de Lingua, José López Campos. Activistas pola lingua e membros da plataforma improvisan unha cantiga no Parlamento reclamando políticas activas para a defensa do idioma. [Vídeo: Queremos Galego]
Fálase
A Casa da Cultura de San Sadurniño acolle este sábado 15 a estrea das 24 curtametraxes realizadas no marco da IX edición da Chanfainalab, durante a fin de semana do 7 e 8 de setembro do 2024. Ademais, na gala Alberte Pagán (O Carballiño, 1965) recibirá a primeira edición do Premio Bernardino de Lamas, que busca recoñecer a traxectoria dunha persoa que teña demostrado o seu compromiso coa creación audiovisual como cineasta non profesional ou amateur, á marxe da industria.
A alcaldesa de Lugo propón distinguir a Rafael de Vega e Xesús Alonso Montero como fillos adoptivos da cidade. A socialista Paula Alvarellos coida que o recoñecemento promovido por ela mesma quen fora director do Hospital Municipal e político republicano, asasinado polos golpistas en 1936, serve como "símbolo da loita pola xustiza social e os dereitos humanos". Condecorar a Alonso Montero, iniciativa que parte "dun grupo de ex-alumnos, compañeiros, camaradas e veciños" de quen foi profesor no IES Lucus Augusti e na Escola de Maxisterio, é para a rexedora sinalar a súa "pegada imborrable na formación de xeracións de estudantes e no impulso da lingua galega". O BNG, que goberna en coalición na cidade, apoia a distinción a Rafael de Vega pola "necesidade de manter viva a súa memoria" pero desmárcase da de Alonso Montero, "unha figura que non crea consenso entre a veciñanza". Na imaxe, Rafael de Vega.
A Liga denuncia o Celta por cánticos da súa afección contra o Betis nun informe que non recolle os saúdos fascistas de seareiros visitantes, aos que o club galego respondeu facendo soar Grândola, vila morena e Bella ciao pola megafonía de Balaídos. Cóntao Faro de Vigo
Ana Miranda promove unha denuncia no Parlamento europeo contra os "obscenos plans" de Trump que pasan pola expulsión do pobo palestino de Gaza. A eurodeputada do BNG desenvolveu unha acción na entrada do hemiciclo de Estrasburgo na que participaron eurodeputadas e eurodeputados de tres grupos políticos: Verdes-ALE, The Left e S&D coa mensaxe "Gaza non se vende". Miranda reclama que a Unión Europea "se molle e diga algo", pois ao seu xuízo, "ten que combater esas políticas anexionistas e eses delirios que ten o presidente Trump".
O único edil do PSdeG en Outes presenta unha moción de censura co PP contra o criterio do seu propio partido. A dirección provincial socialista advirte a José Antonio Caamaño coa expulsión tras aliarse co PP local contra o goberno de Compromiso por Outes e o BNG, do que o concelleiro do PSdeG formou parte ata o pasado día 4, cando decidiu abandonalo alegando a que actuaba como un "barco á deriva". A corporación da vila está formada por 6 edís do PP fronte a 4 de CxO, 2 do BNG e 1 do PSdeG, que formaron un goberno de coalición tras os comicios de 2023.
O pleno do Concello da Coruña rexeita a cuestión de confianza da alcaldesa Inés Rey, vinculada aos orzamentos. PP e BNG votan en contra pero os nacionalistas volven evidenciar que non haberá moción de censura. As contas, aprobadas en solitario polo PSOE, aprobaranse en abril.
O TSXG suspende cautelarmente outro proxecto eólico, o de Zamorra en Agolada, polos seus posibles riscos medioambientais, tras unha denuncia de Adega. Hai máis de 60 parques en máis de 70 concellos parados polo Superior galego ante a posibilidade de que o prexuízo ambiental que provoque sexa irreparable.
O Consello de Ministros ratifica este martes a suba do Salario Mínimo Interprofesional ata 1.184 euros mensuais con efectos retroactivos dende o pasado 1 de xaneiro, en liña co pactado polo Ministerio de Traballo cos sindicatos CCOO e UGT fronte ao rexeitamento da patronal CEOE. O incremento do SMI dende a fin do Goberno do PP de Rajoy en 2018 chega así ao 60,9%. De agora en diante, confirma o Ministerio de Facenda, o salario mínimo estará suxeito ao imposto sobre a renda, isto é, quen o perciba terá a obriga de facer a declaración o IRPF, se ben o groso da poboación que cobre o SMI seguirá sen ter que pagar por el.
Rueda amosa a "inquedanza" da Xunta ante o anuncio de Trump de aranceis ao aluminio de "todo o mundo". O presidente salienta a "importancia das exportacións da potente industria do aluminio que existe en Galicia" e espera "que ao final todo isto non sexa o que se aventura".