O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, asegura que o exército de Israel matou o líder de Hamas, Mohamed Sinwar, nun bombardeo. [📸 Benjamin Netanyahu CC-BY Goberno de Ucraína]

O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, asegura que o exército de Israel matou o líder de Hamas, Mohamed Sinwar, nun bombardeo. [📸 Benjamin Netanyahu CC-BY Goberno de Ucraína]
Unha muller recibiu varios disparos este domingo en Verín mentres se atopaba na casa dos seus pais, á que se trasladou tras decidir separarse da súa parella e pai dos seus tres fillos menores e denuncialo por violencia machista. Permanece ingresada no hospital en Vigo, en estado grave, pero non se teme pola súa vida. O home está agora en prisión provisional, comunicada e sen fianza, investigado por tentativa de homicidio, tenencia ilícita de armas e quebrantamento da orde de protección ditada en xullo que lle prohibía achegarse á muller. Despois do sucedido, rexeitado pola veciñanza nunha concentración este martes, o xulgado amplía a orde de protección para que tampouco poida achegarse nin comunicarse cos tres menores. [Na imaxe, o Xulgado de Instrución 1 de Verín, onde delcarou este mércores o acusado © Google Street View]
A Xustiza confirma que a TVG deberá rectificar unha información falsa sobre o BNG. A Audiencia da Coruña confirma a sentenza dun xulgado santiagués que dera a razón ao Bloque pero matiza a rectificación que debe emitir emitir. A CRTVG non recorrerá tras as "importantes matizacións" do último ditame.
O Concello de Pontevedra confirma que o Constitucional admitiu a trámite o seu recurso contra a prórroga de ENCE. O permiso para que a pasteira continúe en Lourizán ata 2073 foi outorgado polo Goberno de Rajoy en funcións en 2016 e en 2021 anulouno a Audiencia Nacional, pero o Tribunal Supremo reverteu a decisión en 2023. O goberno local do BNG celebra a admisión no TC por considerar que é "extremadamente difícil" que recursos coma estes teñan percorrido, recolle Pontevedra Viva.
Rueda recibe a Oliver Laxe en Monte Pío tras recibir o premio do xurado no Festival de Cannes por Sirat. Durante o encontro na residencia oficial o presidente sinala o director como "un gran embaixador da nosa terra" e mostra do "bo momento do audiovisual galego". [Imaxe: CC BY-SA David Cabezón]
Antes de nós, o filme sobre Castelao dirixido por Ángeles Huerta, entre as dez películas máis vistas nos cines de todo Estado nos seus primeiros días de proxección, a pesar de estrearse tan só en 17 salas. Foi a 13ª máis vista na fin de semana, pero estivo entre as dez primeiras domingo e luns. Ademais, foi a terceira con máis público por copia, só por detrás de Misión Imposible e Lilo & Stitch. Esta media de asistentes (178 por copia) é a terceira máis alta entre as películas galegas dos últimos anos, só por detrás de O que arde e A esmorga.
A palabra lubre incorpórase ao Dicionario da Real Academia Galega a proposta de Luar Na Lubre coa definición de "bosque sagrado onde os celtas celebraban os seus rituais relixiosos”. Bieito Romero, que destaca que a decisión dignifica e fai medrar o noso patrimonio como pobo”, atopou a palabra por vez primeira no dicionario que Xosé Luís Franco Grande realizou para Galaxia en 1968. Agora o Seminario de Lexicografía da RAG vén de decidir a súa inclusión
Varios Estados opóñense a aprobar hoxe a oficialidade do galego, o catalán e o vasco na UE. O ministro de Asuntos Europeos de Finlandia, Joakim Strand, espera que non se vote a proposta e advirte das "preocupacións" sobre as "implicacións legais e económicas" de faceren oficiais as tres linguas, ao igual que manifestou a súa homóloga croata, Andreja Metelko-Zgombic, á entrada do Consello de Asuntos Xerais da UE onde se debaterá a medida.
O Concello de Santiago fai oficial a petición á Xunta para a declaración da cidade como zona de mercado residencial tensionado. O Goberno galego deberá responder no prazo máximo de seis meses. O Goberno local pide ampliar a consideración de gran propietario a todos os que posúan máis de cinco inmobles e que a declaración se aplique tamén ás vivendas que levan máis de cinco anos sen ser alugadas.
Pedro Sánchez anuncia un "programa de axudas directas a menores de 16 anos con problemas de visión para que poidan adquirir lentes cara ao próximo curso escolar". O presidente do Goberno de España anunciouno nun acto de presentación do denominado Plan Veo no que a ministra de Sanidade, Mónica García, concretou que a medida para adquirir lentes ou lentes de contacto consistirá nunha achega de 100 euros que beneficiará arredor de "medio millón de nenos e nenas".