Principia a xornada das eleccións presidenciais nos Estados Unidos coa apertura dos centros de votación nos primeiros oito estados. A demócrata Kamala Harris e o republicano Donald Trump, únicos aspirantes con opcións reais de vitoria, chegan á cita electoral con enquisas que veñen debuxando escenarios moi axustados para uns comicios con impacto global. [Imaxes divulgadas polas campañas de ambos candidatos]
Fálase
Pontón apela á "máxima cooperación" para atender as persoas afectadas polas riadas en Valencia e expresa a comprensión cara á "indignación da xente que reclama máis medios". "Isto non xustifica nunca a violencia e moito menos cando temos datos de que hai accións programadas por parte de grupos de extrema dereita que queren aproveitarse da dor e do sufrimento das persoas para facer a peor das políticas", resaltou este luns a portavoz nacional do BNG a preguntas dos xornalistas.
O PSdeG expresa a "máis firme condena ás agresións e actos vandálicos sufridos polo presidente da Comunidade de Valencia, o presidente de España e os Reis de España, claramente dirixidos por grupos de extrema dereita" e ve " inaceptable que as outras forzas políticas galegas non saísen publicamente a condenalos". "Non podemos permitir que o silencio sexa cómplice da radicalización e da intolerancia", agrega a formación que encabeza José Ramón Gómez Besteiro nun comunicado no que reiteran a "solidariedade máis sincera cos veciños e veciñas da Comunidade Valenciana afectados pola DINA". [Imaxe: © RTVE]
O pleno de Santiago aproba definitivamente a ordenanza que completa as normas para frear os pisos turísticos cos votos a prol do goberno local (BNG e CA) e mais do grupo municipal do PSdeG, fronte ao "non" do PP. A ordenanza desenvolve a reforma urbanística do anterior mandato sen o 'indulto' a centos de pisos turísticos que reclamaban os seus propietarios; o apoio dos edís socialistas no trámite de aprobación inicial deu lugar a un proceso disciplinario -que aínda non concluíu- por parte da dirección local do seu partido, que ordenara votar "non".
- HEMEROTECA | A norma que completa o freo a pisos turísticos en Santiago, aprobada co PSdeG malia á orde da dirección do partido
- HEMEROTECA | "Queremos xente vivindo na cidade histórica e sen comercio de proximidade non hai residentes"
- HEMEROTECA | Sen 'indulto' aos centos de pisos turísticos irregulares en Santiago: "É unha aposta polo interese xeral"
"Eu son Balbino, un rapaz da aldea...". A Fundación Xosé Neira Vilas celebra este domingo unha lectura pública e continuada do clásico Memorias dun neno labrego co gallo do aniversario do nacemento do autor. Será a partir das cinco da tarde na Casa do Romano, sede da fundación Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces, Pontevedra).
- ENTREVISTA | Iria Aldegunde: "Quería centrarme no mundo interior de Balbino"
- HEMEROTECA | Xosé Neira Vilas: a memoria dos “ninguén”
Pedro Sánchez confirma 211 vítimas mortais e pide "esquecer as diferenzas, poñer as ideoloxías e as diferenzas territoriais a un lado" para colaborar na crise provocada pola Depresión Illada en Niveis Altos (DINA), coa "inundación máis grave que viu o continente europeo no que vai de século". O presidente do Goberno de España asegurou que "non se trata de que a administración xeral do Estado suplante á autonómica" e avanzou que se duplicará desde este sábado o número de efectivos policiais ata chegar aos dez mil profesionais, así como a presenza do exército, que foi solicitada pola Generalitat e que esta fin de semana levará cinco mil militares máis ata as zonas afectadas. O Consello de Ministros aprobará o martes a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil para a Comunitat Valenciana, Andalucía e Castilla-La Mancha. [📸Ministerio de Defensa]
A memoria de Todos os Santos e Defuntos, no arquivo de Real Academia. A RAG recupera fotografías do seu arquivo que "ilustran a importancia" destas celebracións. Entre elas, esta imaxe do cemiterio coruñés de Santo Amaro un 2 e novembro "de comezos dos anos 30". "O Día de Defuntos ten raíces antigas e profundas. Na cultura galega relaciónase co Samaín celta, unha festividade que marcaba a fin do verán e o inicio do inverno", explica a RAG. "Coa chegada do cristianismo, estas tradicións fusionáronse coa festividade de Todos os Santos (1 de novembro) e o Día de Defuntos (2 de novembro), cando se honra e lembra a aqueles que faleceron, nunha mestura fascinante de tradicións pagás e cristiás". O fondo fotográfico da RAG pódese consultar no Arquivo Dixital de Galicia.
O número de falecidos polo temporal na provincia de Valencia aumenta a 202 . O número de vítimas mortais polo temporal na provincia de Valencia aumentou ata as 202, segundo informou este venres o Centro de Emerxencias da Generalitat Valenciana. O Estado español vive o segundo día de loito oficial decretado mentres a Comunidade Valenciana tenta recuperarse das inundacións que deixaron máis de dous centenares de mortos só na provincia de Valencia e os equipos de rescate continúan buscando os desaparecidos, informa EFE. [Foto: Exército de Terra]
A lucense Azucena Mora entra na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, “un referente en investigación”. A catedrática de Microbioloxía na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Azucena del Carmen Mora Gutiérrez, tomou posesión este venres da cadeira número 21 da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia. A lucense foi recoñecida recentemente co premio do Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos (PRAN) á mellor iniciativa de investigación polo seu traballo Monitorización integrada do fluxo de resistencias a antimicrobianos (RAM). “Un referente en investigación”, segundo subliñou o presidente da Deputación de Lugo.
- HEMEROTECA | ENTREVISTA: "As PCR e os test rápidos son complementarios e necesarios para erradicar o coronavirus"
O Concello da Coruña homenaxea as Fillas de Breogán tras lograren o seu segundo Torneo Paneuropeo de fútbol gaélico, o pasado día 20 en Lyon. A alcaldesa da cidade, Inés Rey, recibiu as xogadoras no Pazo de María Pita e considerou que "este novo éxito do deporte coruñés amosa o diverso que é o noso tecido deportivo e o esixente que é en todas as competicións nas que participan os seus conxuntos e deportistas. Alén dos seus dous Paneuropeos, as Fillas de Breogán contan no seu palmarés con tres ligas, tres Copas de Galicia, o trofeo All Galicia e tres Torneos Ibéricos. [Imaxe: © Concello da Coruña]