O Baxi Ferrol fai historia e está xa nas semifinais da Eurocopa. O equipo ferrolán supera 89-70 o Sassari na volta dos cuartos de final nun pavillón da Malata ateigado con 3.500 persoas. Foto: FEB

O Baxi Ferrol fai historia e está xa nas semifinais da Eurocopa. O equipo ferrolán supera 89-70 o Sassari na volta dos cuartos de final nun pavillón da Malata ateigado con 3.500 persoas. Foto: FEB
Un accidente múltiple na ponte de Rande con catro vehículos implicados provoca longas retencións na autoestrada AP-9 á altura de Moaña en sentido Pontevedra. Segundo actualizou o 112, cando menos unha persoa precisou axuda dos bombeiros para abandonar o vehículo e houbo en total catro persoas evacuadas con lesións de carácter leve. Imaxe das cámaras da DGT ás 16:42, cando xa pasara máis dunha hora dende o accidente.
O bombeiro forestal Cristóbal Medeiros, novo secretario xeral de UGT-Galicia. O décimo cuarto congreso nacional do sindicato escolle a súa nova Executiva cun 60,52% dos votos. Medeiros, ata agora secretario do sindicato en Ourense, é membro da Brif Laza, onde foi presidente do comité de empresa. Substitúe no posto a José Antonio Gómez, que ocupou a secretaria xeral nas últimas dúas décadas. Na imaxe, integrantes da nova dirección de UGT-Galicia, co secretario xeral no centro.
O pleno de Santiago aproba os Orzamentos de 2025 e a Operación Peleteiro cos votos a prol do goberno municipal de BNG e CA e tamén de todo o grupo do PSdeG malia o seu conflito interno. En ambos casos, o PP votou en contra. [Imaxe: CA]
A chef Lucía Freitas pregoará a 50º edición da Festa do Queixo de Arzúa. "A súa traxectoria como embaixadora da gastronomía galega, o seu compromiso cos produtos locais e a súa aposta polo talento feminino fan dela a persoa perfecta para dar inicio a esta edición tan especial", din dende a organización da festa arzuá. O pregón celébrase ás doce da mañá do 15 de marzo no Recinto Feiral Terra do Queixo, onde Freitas ofrecerá despois un showcooking para 50 persoas. Na imaxe, Lucía Freitas co alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril.
A Xunta e os demais gobernos autonómicos do PP abandonan a xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira que, por iniciativa do Ministerio de Facenda, vota a condonación de débeda ás comunidades. No caso galego, a proposta do Estado é asumir 4.010 millóns de euros, un terzo do total, e o presidente Alfonso Rueda que Galicia "non necesita" o que considera "un mal negocio". O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos -na imaxe, canda á conselleira madrileña, tras marchar da reunión-, argumenta que marchan para non ser "unha comparsa do Goberno" de España. [Imaxe: Ministerio de Facenda e retransmisión RTVE]
Magnus Cort Nielsen (Uno-X Mobility) gaña en Matosinhos e convértese no primeiro líder de O Gran Camiño. O dinamarqués -que xa obtivera a vitoria na primeira etapa da primeira edición da proba, en 2022- impúxose na chegada ao sprint ao colombiano Mesa e ao italiano Lonardi. O limiao Carlos Canal foi oitavo. Este xoves córrese a segunda etapa, de 133 kms, entre Marín e A Estrada.
O Congreso aproba a renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero por ampla maioría absoluta e o único "non" da extrema dereita de Vox. A nova edición deste acordo aborda tamén as violencias machistas nos ámbitos económico e dixital, así como a violencia vicaria. Na imaxe, fotografía de familia ante a sede da Cámara Baixa tras a votación. [Imaxe: Ministerio de Igualdade]
A lingua galega poderá usarse no Comité Económico e Social Europeo, órgano consultivo da UE. Así o anunciou o Goberno de España, que celebra "a extensión do uso das linguas cooficiais nas institucións europeas" logo dun novo acordo nesta entidade.
Naturgy pedirá indemnizacións se a fábrica de Altri en Palas afecta á súa produción eléctrica no encoro de Portodemouros, río Ulla abaixo. Segundo revela EFE Verde na súa web, a empresa enerxética fixo ver nas súas alegacións ao proxecto de Altri que a súa concesión sobre o Ulla é anterior.