O pleno de Santiago aproba os Orzamentos de 2025 e a Operación Peleteiro cos votos a prol do goberno municipal de BNG e CA e tamén de todo o grupo do PSdeG malia o seu conflito interno. En ambos casos, o PP votou en contra. [Imaxe: CA]

O pleno de Santiago aproba os Orzamentos de 2025 e a Operación Peleteiro cos votos a prol do goberno municipal de BNG e CA e tamén de todo o grupo do PSdeG malia o seu conflito interno. En ambos casos, o PP votou en contra. [Imaxe: CA]
A chef Lucía Freitas pregoará a 50º edición da Festa do Queixo de Arzúa. "A súa traxectoria como embaixadora da gastronomía galega, o seu compromiso cos produtos locais e a súa aposta polo talento feminino fan dela a persoa perfecta para dar inicio a esta edición tan especial", din dende a organización da festa arzuá. O pregón celébrase ás doce da mañá do 15 de marzo no Recinto Feiral Terra do Queixo, onde Freitas ofrecerá despois un showcooking para 50 persoas. Na imaxe, Lucía Freitas co alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril.
A Xunta e os demais gobernos autonómicos do PP abandonan a xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira que, por iniciativa do Ministerio de Facenda, vota a condonación de débeda ás comunidades. No caso galego, a proposta do Estado é asumir 4.010 millóns de euros, un terzo do total, e o presidente Alfonso Rueda que Galicia "non necesita" o que considera "un mal negocio". O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos -na imaxe, canda á conselleira madrileña, tras marchar da reunión-, argumenta que marchan para non ser "unha comparsa do Goberno" de España. [Imaxe: Ministerio de Facenda e retransmisión RTVE]
Magnus Cort Nielsen (Uno-X Mobility) gaña en Matosinhos e convértese no primeiro líder de O Gran Camiño. O dinamarqués -que xa obtivera a vitoria na primeira etapa da primeira edición da proba, en 2022- impúxose na chegada ao sprint ao colombiano Mesa e ao italiano Lonardi. O limiao Carlos Canal foi oitavo. Este xoves córrese a segunda etapa, de 133 kms, entre Marín e A Estrada.
O Congreso aproba a renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero por ampla maioría absoluta e o único "non" da extrema dereita de Vox. A nova edición deste acordo aborda tamén as violencias machistas nos ámbitos económico e dixital, así como a violencia vicaria. Na imaxe, fotografía de familia ante a sede da Cámara Baixa tras a votación. [Imaxe: Ministerio de Igualdade]
A lingua galega poderá usarse no Comité Económico e Social Europeo, órgano consultivo da UE. Así o anunciou o Goberno de España, que celebra "a extensión do uso das linguas cooficiais nas institucións europeas" logo dun novo acordo nesta entidade.
Naturgy pedirá indemnizacións se a fábrica de Altri en Palas afecta á súa produción eléctrica no encoro de Portodemouros, río Ulla abaixo. Segundo revela EFE Verde na súa web, a empresa enerxética fixo ver nas súas alegacións ao proxecto de Altri que a súa concesión sobre o Ulla é anterior.
A Xunta publicita que remitirá de oficio a 42.000 maiores de 65 anos a renovación das súas licenzas de caza e pesca, que pasan a ser indefinidas. Hai un ano o Goberno galego fixo gratuítos para maiores de 65 os permisos de caza e despois converteunos en indefinidos.
A Xunta cambia os protocolos de alerta por mal tempo. Os directores e directoras dos centros de ensino poderán suspender a actividade docente en calquera dos niveis de alerta se as condicións meteorolóxicas da localidade onde se atopa centro supuxesen un risco superior ao declarado. Unicamente terán que comunicalo previamente á Consellría de Educación.
O BNG exixe ante a xustiza que a CRTVG rectifique unha información falsa emitida no 75º aniversario da morte de Castelao. A TVG advertira da ausencia do Bloque nun acto sobre o político rianxeiro "cando as imaxes da propia televisión galega demostran o contrario". "A falsa información non foi rectificada malia que así o exixe a lei", di a deputada nacionalista Olalla Rodil.