O BNG reclama á CRTVG unha "rectificación inmediata" ao sinalar no Telexornal que "non estivo" no acto da Fundación Castelao que abriu o ano dedicado ao político e artista malia non ser certo, xa que a formación soberanista estivo representada pola súa vicevoceira parlamentaria, Olalla Rodil, alén de cargos institucionais como a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín -na imaxe, no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres tras o acto-. Esa mención deu paso ás declaracións nas que o conselleiro de Cultura, José López Campos, reprochou ao Bloque que o mesmo día organizase unha homenaxe de seu a Castelao en Pontevedra. Horas despois, a canle pública atribuíuno a través das redes sociais a "un erro".
