A escritora palestina Shahd Wadi será a Escritora galega universal en 2025 para a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega. O consello directivo da AELG xustifica a escolla "desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da alta calidade da súa obra, así como por defender a dignidade nacional de Palestina e os dereitos individuais e colectivos da súa poboación, nomeadamente desde perspectivas feministas".
Shahd Wadi [na imaxe, ©TBA] é autora do libro Corpos na trouxa: histórias-artísticas-de-vida de mulheres palestinianas no exílio (2017), onde investiga as narrativas artísticas no contexto da ocupación israelita da Palestina e considera as artes un testemuño de vidas, tamén da súa.