O Ministerio de Sanidade envía un requirimento formal á Xunta e ao resto das autonomías do PP "para que remitan os datos de cribado de cancro" de mama, colorrectal e cérvix tras negárense a facelo alegando que o departamento que dirixe Mónica García llos reclamaba con fins partidistas. Este, detalla o Ministerio, é o paso legal previo "ante posibles incumprimentos no subministro de información esencial para a vixilancia na saúde pública". O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou a finais de outubro, tras a primeira negativa, que os gobernos do PP "estamos dispostos a dar eses datos" e que en Galicia "os primeiros en coñecelos van ser os pacientes".