#23X A Xunta Electoral Central amplia o prazo para o depósito do voto por correo das eleccións xerais este venres 21, ás 14.00, como solicitara Correos, que ten habilitados horarios ampliados para facilitar os envíos e confirma que, en calquera caso, se na hora do peche "hai persoas agardando, continuarase atendendo ata que se deposite o último voto". Nesta ligazón pódese consultar o horario concreto de cada oficina de Correos.
Fálase
23X | Pedro Sánchez lamenta que Feijóo "perdese a oportunidade de aclarar a súa relación" con Marcial Dorado ao non acudir ao debate de RTVE. "As escusas de que non existía Google nin internet caen polo seu propio peso" e son "mentira", di en declaracións a laSexta o aspirante á reelección polo PSOE, quen cre que o ex-presidente da Xunta e actual candidato do PP ás xerais ten "unha débeda coa verdade". "É desacougante -conclúe- que un dirixente político tivese relacións tan estreitas cun narcotraficante e ese desacougo é compartido por milleiros" de persoas, cre.
#23X Correos solicita á Xunta Electoral Central ampliar o prazo para o depósito do voto por correo das eleccións xerais ata mañá, venres, ás 14.00. Polo momento, o prazo segue finalizando hoxe, xoves 20. Correos ten habilitados horarios ampliados para facilitar os envíos e confirma que, en calquera caso, se na hora do peche "hai persoas agardando, continuarase atendendo ata que se deposite o último voto". Nesta ligazón pódese consultar o horario concreto de cada oficina de Correos.
A candidata do PP por Pontevedra e ex-ministra de Fomento Ana Pastor atribúese a entrada soterrada a Vigo do Eixo Atlántico de alta velocidade que executou fundamentalmente o PSOE. "Fomos nós os que fixemos a Saída Norte e con Feijóo como presidente de España faremos tamén a Saída Sur", dixo Pastor este mércores nun mitin na cidade. Porén, tras anos de mudanzas do proxecto, e logo de decidir o socialista José Blanco que o túnel fose máis longo do inicialmente previsto para eliminar a barreira entre barrios que supuñan as vías, as tuneladoras que fixeron o treito de entrada a Vigo polo norte desde Redondela comezaron a escavar en 2009 e remataron a comezos de 2012, cando Pastor levaba só unhas poucas semanas como ministra.
O Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía confirma a pena de catro anos de prisión a Santi Mina por abusar sexualmente dunha muller. O TSJA ratifica a condena da Audiencia Provincial de Almería e rebaixa a indemnización á vítima por danos morais de 50.000 a 25.000 euros. O xogador reincorporárase aos adestramentos do equipo vigués nos últimos días e aínda ten opción de recurso ao Tribunal Supremo.
23X | A cabeza de lista do PP por Ourense ao Congreso, Ana Vázquez, afirma malia non ser verdade que "medio millón" de persoas que pediron o voto por correo "quedan sen votar" por non estaren na casa en ningunha das dúas ocasións nas que Correos foi entregarlles a documentación. En realidade, todas estas persoas poden votar por correo con normalidade acudindo recoller a documentación ás propias oficinas, como en todos os anteriores comicios. O prazo para remitir o sufraxio postal finaliza este xoves, día 20 (inclusive). Na imaxe, Vázquez con Rueda e Baltar nun mitin do PP a pasada semana.
- Feijóo di que o PP "sempre" subiu as pensións co IPC malia non ser certo e cuestiona unha xornalista de TVE por evidencialo
- DATOS | As solicitudes de voto por correo duplícanse dende 2019 e aumentan un 80% en relación ao máximo de 2016
- Feijóo alimenta as teorías da fraude no voto por correo na fin do prazo para solicitalo
23X | Jácome di que vai votar polo PP nas xerais vinte e catro horas despois de propiciar que os populares reteñan a Deputación de Ourense. O alcalde ourensán di que non ten "intención de pedir o voto", pero que a "título persoal", vai "votar polo único candidato que é natural de Ourense", en referencia a Feijóo, que concorre por Madrid. O pasado xuño, a dirección galega do PP asinou con DO o pacto que ratificou a alcaldía para Jácome e a Deputación para os populares. [Imaxe: CC BY-SA Xunta]
O BOE publica a retirada a Francisco Franco da Medalla ao Mérito no Traballo. O Real Decreto de revogación, impulsado pola vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, vén derivado da Lei de Memoria. O PP inclúe no seu programa das eleccións do 23X a promesa de derrogar a lei, que tamén implica a fin doutras honras coma o condado de Fenosa ou o señorío de Meirás.
Luis Menor, do PP, novo presidente da Deputación de Ourense. Foi o candidato que obtivo maioría simple en virtude do pacto con Democracia Ourensana, que implicou que o partido de Jácome se votase a si mesmo. Ante a ausencia de maioría absoluta, Menor é elixido como substituto de José Manuel Baltar, que non optou á reelección.
23X | Feijóo afirma agora que se Pedro Sánchez logra maioría para volver gobernar aínda que o PP sexa primeira forza suporá "perturbar a democracia". O candidato do PP asegurouno nun mitin en Zaragoza no que volveu alimentar as teorías da fraude no voto por correo. O líder popular xa cuestionara en numerosas ocasións o sistema parlamentario vixente durante os seus anos como presidente da Xunta. A lexislación vixente implica que logra a investidura na presidencia do Goberno de España quen logre maioría absoluta do Congreso en primeira votación ou máis votos a prol ca en contra na segunda. [Imaxe: © PP]