CIG-Ensino e STEG péchanse na Consellería de Educación "ata ter data de reunión co conselleiro" en vésperas da nova folga de profesorado, que ambas organizacións impulsan para os vindeiros días 16 e 17. O peche dunha quincena de delegados e delegadas en San Caetano prodúcese, explican, "despois de coñecerse polos medios de comunicación que se está negociando o adianto da baixada de ratios e da redución horaria en Secundaria" deixando "á marxe ao sindicato maioritario", a CIG-Ensino. "Permaneceremos aquí até ter unha data de reunión e mantemos as folgas da vindeira semana que coincidirán coa aprobación dos orzamentos da Xunta para 2026", sinala Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino. [Imaxes: CIG-Ensino]