O subdelegado do Goberno ve “indicios preocupantes” de crime machista na morte dunha muller este sábado en Moaña. O condutor do coche sinistrado no Paseo de Domaio, en Moaña (Pontevedra), "acelerou notablemente" antes de que o vehículo se precipitase ao mar (de onde foi rescatado o cadáver da muller que o acompañaba), segundo sinalaron algunhas testemuñas, informa Europa Press Galicia. O subdelegado do Goberno na provincia, Abel Losada, recoñeceu que, neste suceso, ocorrido sobre as 5,00 horas deste sábado, "hai indicios preocupantes", xa que o condutor ten antecedentes por violencia de xénero, aínda que apelou á prudencia mentres se desenvolve a investigación da Garda Civil.
