O forte temporal deixa case 400 incidencias ata media tarde por toda Galicia. Caídas de árbores e pólas ou asolagamentos de estradas e vivendas están a ser as máis frecuentes, segundo o 112, que advirte tamén do risco de desbordamentos de varios ríos. Na imaxe, unha rúa asolagada no Concello de Bergondo, esta tarde.
Fálase
A 'Palabra do Ano' decidirase entre seis termos: ecocidio, feminicidio, narcosubmarino, negociación, quecemento global e sentidiño. Pódese votar ata o 25 de nadal a través do Portal das Palabras da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Os dous últimos anos as palabras máis votadas foron deseucaliptización e afouteza.
Arquivada a causa contra os tres deputados de Unidas Podemos por altercados nunha mobilización por Alcoa. O procedemento segue aberto contra dous dos traballadores que participaron na protesta.
O persoal de Albada suspende a folga de recollida do lixo que comezaran hai dez días na Coruña, despois do anuncio do Concello de que procederá a intervir a concesión da planta de Nostián. A intervención, motivada polos graves incumprimentos da concesionaria, implica a retirada do ERTE presentado pola empresa, que afectaba a 39 traballadores
Unha muller embarazada é enviada a Ourense a dar a luz tras chegar ao hospital de Verín despois de romper augas, segundo informa Diario do Támega. Ao contrario do acontecido a pasada semana, desta volta o persoal médico si estimou que había tempo dabondo para o traslado, formalmente obrigatorio polo peche da sala de partos.
Falece aos 86 anos Camilo de Dios, o derradeiro guerrilleiro antifranquista galego. Máis información, hoxe en Praza.gal
O Parlamento aproba definitivamente os Orzamentos da Xunta para 2020 cos votos a prol do PP, que non aceptou ningunha das emendas da oposición que chegaron ao final do trámite parlamentario. Neste espazo repasamos as principais cifras das contas públicas para o derradeiro exercicio da lexislatura galega
Centos de transportistas e veciños das Pontes chegan á Coruña logo de varios días de camiño desde As Pontes reclamando unha "transición xusta" na vila, pendente do anunciado peche da central térmica de Endesa.
Pedro Sánchez comprométese con Feijóo a facer unha "xestión persoal" coa dirección internacional de Alcoa para trasladarlle o interese da empresa en España de seguir a operar en Galicia. Os presidentes dos gobernos galego e central falan por teléfono 15 minutos dentro da rolda de contactos para a investidura do socialista. Feijóo di non ter confianza en que Sánchez cumpra nin con Alcoa, nin co AVE e reclama os pagamentos estatais pendentes, cuestións que di que impiden avanzar na “distensión territorial” pola que aposta o socialista na nova lexislatura.
O asasino de Diana Quer, condenado a prisión permanente revisable e dez anos de liberdade vixiada. A sección sexta da Audiencia da Coruña, atendendo ao veredicto do xurado, impón estas condenas por "asasinato con aleivosía, cometido para ocultar outro delito e subseguinte a un delito contra a liberdade sexual da vítima" con atenuante de confesión, segundo confirman fontes do TSXG.