Centos de transportistas e veciños das Pontes chegan á Coruña logo de varios días de camiño desde As Pontes reclamando unha "transición xusta" na vila, pendente do anunciado peche da central térmica de Endesa.
Fálase
Pedro Sánchez comprométese con Feijóo a facer unha "xestión persoal" coa dirección internacional de Alcoa para trasladarlle o interese da empresa en España de seguir a operar en Galicia. Os presidentes dos gobernos galego e central falan por teléfono 15 minutos dentro da rolda de contactos para a investidura do socialista. Feijóo di non ter confianza en que Sánchez cumpra nin con Alcoa, nin co AVE e reclama os pagamentos estatais pendentes, cuestións que di que impiden avanzar na “distensión territorial” pola que aposta o socialista na nova lexislatura.
O asasino de Diana Quer, condenado a prisión permanente revisable e dez anos de liberdade vixiada. A sección sexta da Audiencia da Coruña, atendendo ao veredicto do xurado, impón estas condenas por "asasinato con aleivosía, cometido para ocultar outro delito e subseguinte a un delito contra a liberdade sexual da vítima" con atenuante de confesión, segundo confirman fontes do TSXG.
A Unión Astronómica Internacional dálle o nome de 'Rosalíadecastro' á estrela HD 149143 e 'Riosar' ao planeta que xira ao seu redor. A designación foi o resultado dunha convocatoria internacional na que cada Estado debía nomear unha estrela e un exoplaneta asociado. A Agrupación Astronómica Ío e a Fundación Rosalía de Castro levaron a cabo a campaña pública #EstrelaRosalía, que finalmente acadou o seu obxectivo. Consulta aquí toda a información
A Xunta asegura que "garante" a celebración de "10 actividades ao día" ligadas ao Xacobeo durante 2020 e 2021. Afirmouno Feijóo na presentación do primeiro "avance" da programación do Ano Santo, que podes descargar (.pdf) nesta ligazón. Segundo o presidente da Xunta, os vindeiros dous anos supoñen só "os primeiros 700 días dos 5.000 que temos por diante da década xacobea".
A asociación Xornalistas Galegas e Montse Dopico recollen o primeiro e o terceiro premio ‘Comunicar en Igualdade’ por senllas reportaxes publicadas en Praza.gal. O segundo premio foi para Sara Vila por unha reportaxe publicada no Diario de Pontevedra. Na categoría dedicada ao alumnado universitario as galardoadas foron Uxía Castro Martínez, Lucía Parrilla del Río e Silvia López López, por reportaxes publicadas en Sermos Galiza, Luzes e Lugo Xornal.
Ecocidio, feminicidio, narcosubmarino, negociación, quecemento global e sentidiño optan a ser Palabra do Ano 2019 no certame que organiza o Portal das Palabras da Real Academia Galega. A votación está aberta ata o 25 de decembro. En 2018 a gañadora fora deseucaliptización.
Mobilización contra o peche do paridoiro de Verín no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). A Marcha Mundial das Mulleres convocou unha concentración na porta do hospital da capital provincial. Consulta aquí toda a información
Galegas 8M fixa a manifestacion nacional de 2020 en Galicia o 1 de marzo en Verín. "A loita en Verín polo peche do paridoiro representa a loita pola dignificación dos coidados, dos dereitos sexuais e reprodutivos, dos servizos públicos", di o colectivo.
A Xunta activou para este luns a alerta laranxa por neve na montaña de Lugo e Ourense. A alerta comezará a primeiras horas da mañá. Agárdanse acumulacións de ata 20 centímetros de neve por riba dos 1.000 metros. Ademais, mantense a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral, con ondas de 5 a 6 metros