En 2027 serán días festivos de ámbito galego o 19 de marzo (San Xosé) e o 17 de maio (Día das Letras Galegas). O Consello da Xunta decide pasar a eses días dous festivos estatais que coincidirán en domingo.
En 2027 serán días festivos de ámbito galego o 19 de marzo (San Xosé) e o 17 de maio (Día das Letras Galegas). O Consello da Xunta decide pasar a eses días dous festivos estatais que coincidirán en domingo.
Os Estados Unidos e Irán anuncian un cesamento do fogo. O secretario xeral da ONU, António Guterres, traslada os seus parabéns por implicar o acordo un "inmediato e permanente" cesamento dos ataques e a reapertura do Estreito de Ormuz, así como un "marco de traballo para futuras negociacións". Na imaxe, unha bandeira de Irán entre os cascallos despois dun bombareo [© Araghchi]
O DOG publica este luns o calendario escolar do curso 26-27. Nesta peza interactiva podes consultar todas as datas do próximo período académico, do 9 de setembro ao 21 de xuño.
O incendio de Padrón xa queimou unhas 350 hectáreas e outro en Boborás iniciado no serán do sábado atinxe unhas 50, segundo Medio Rural. Que a Xunta informe só destes dous focos non implica necesariamente que sexan os únicos, dada a política informativa pola que evita revelar detalles dos inferiores a 20 hectáreas ou que non afecten a áreas poboadas ou protexidas. Na imaxe, o incendio de Boborás, tomada por membros da Brif de Laza a primeiras horas da tarde deste domingo.
Sanidade desactiva as alertas pola calor. A Xunta sinala que os datos de MeteoGalicia e os indicadores de impacto da calor na saúde do Ministerio de Sanidade indican que este domingo "as temperaturas, aínda que altas, volven ser as habituais para esta época do ano". Tras un sábado de récords parte do país aínda volveu sufrir o fenómeno da chamada "noite tropical", con mínimas que non baixaron de 20 graos en puntos como A Coruña ou Vigo. Na imaxe, mapa de MeteoGalicia coas temperaturas mínimas da pasada noite.
Unha manifestación por terra e mar reclama hoxe na Illa de Arousa "re-matar Altri e a mina de Touro". A mobilización, convocada por Ulloa Viva, a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa e o colectivo veciñal oposto á explotación mineira desenvólvese dende as 12 na praia do Vao. Na imaxe, representantes dos colectivos chamando a participar.
Feijóo di estar a traballar "para que o próximo presidente do Goberno de España sexa exactamente o Feijóo que foi presidente de Galicia". Nunha festa-mitin do PP no Pino acompañado por Rueda e outros cargos do PPdeG, o ex-presidente e actual líder estatal da formación preséntase como antídoto á "podremia" que atribúe a Pedro Sánchez con promesas como "orde en inmigración", que "pague a pena volver a traballar" ou ser "o presidente do Goberno de España que peche o ano Xacobeo" en 2027. [Imaxe: CC BY-SA PPdeG]
O incendio de Padrón xa queimou unhas 180 hectáreas e obriga a decretar a situación 2 por risco para a poboación en dous núcleos: Cruxeiras de Abaixo e Sobrerribas. Medio Rural admite que unha "reactivación dun flanco" complicou a situación e non explicita, polo momento, se existen máis incendios forestais activos noutros puntos do país. Na imaxe, o fume deste incendio forestal visto dende Santiago, a primeiras horas da tarde deste sábado [CC BY-SA Praza.gal]
A estación meteorolóxica da Torre de Hércules, na Coruña, marca a temperatura máxima en Galicia ata as 13:30 con 35,9 graos, moi por riba da media dos últimos anos na cidade para o mesmo día de xuño. Ata esa hora chegaron a valores moi próximos as estacións de Rus (Carballo), con 35,4 e a de Narón, con 34,8, nun contexto de moita calor en todo o país, con máis de 70 concellos en alerta. Mapa de MeteoGalicia.
As alertas por risco para a saúde pola calor atinxen este sábado a máis de 70 concellos. No interior da provincia de Pontevedra a Xunta pasa a alerta de vermella a laranxa, nivel no que se mantén gran parte da provincia da Coruña. Mentres, municipios da Barbanza e da Costa da Morte que este venres non tiñan avisos activados pasan a estar este sábado en nivel amarelo. Sanidade pon o foco en seguir as recomendacións habituais fronte ás altas temperaturas nunha vaga que, agarda MeteoGalicia, comezará a remitir este domingo