A patronal do metal acada un preacordo de convenio con CC.OO. e UXT. Os sindicatos CC.OO. e UXT acadaron este venres un preacordo coa patronal para asinar o próximo convenio do metal da provincia de Pontevedra, que terá catro anos de duración e establece unha suba salarial do 15 % até 2029. Desde CIG-Industria rexeitan o acordo porque, aseguran, non garante unha revisión salarial ligada ao IPC durante os catro anos, o que significa abrir a porta a seguir perdendo poder adquisitivo. “Despois dunha mobilización histórica, o pactado non está á altura e constitúe un desprezo ás persoas traballadoras que defenderon na rúa a oportunidade de avanzar en dereitos”, lamentan desde a central sindical.