A Audiencia da Coruña condena a oito anos e medio de cárcere a un home que violou a unha muller á que coñeceu por Tinder. O tribunal considera probado na sentenza que o acusado, de 18 anos, quedou coa vítima, de 20, en agosto de 2020 e no momento no que lle propuxo manter relacións sexuais, ao que a muller se negou porque carecían de preservativo, violouna facendo caso omiso das peticións de que parase, chegando a dicirlle que calase, "ata o punto de que a vítima, non sendo capaz de quitalo de encima, xa non fixo nada, entrando en estado de shock polo que estaba a suceder".
O acusado foi condenado como autor dun delito contra a liberdade sexual, na modalidade de violación, e dun delito contra a intimidade pola gravación que realizou co seu teléfono móbil de parte da violación. Contra a sentenza cabe presentar recurso.