A Asociación de Actores e Actrices de Galicia outorga o Premio de Honra Marisa Soto a título póstumo a Lino Braxe, finado en decembro do ano 2020. O galardón, que se concede de forma anual e é entregado na gala dos Premios María Casares, recoñece a "figura poliédrica" do actor, dramaturgo e escritor coruñés, referente no sector teatral galego e un dos impulsores dos propios Premios María Casares
Fálase
O rei emérito marcha de Sanxenxo tras retrucar con risas á pregunta de se dará "explicacións" polos seus escándalos financeiros. Informa Pontevedra Viva. Foi unha resposta de Juan Carlos I a preguntas de laSexta (na imaxe).
- CRÓNICA POLÍTICA | O rei emérito pon no mapa a Rueda
Unha semana despois de deixar de ser presidente da Xunta Feijóo anuncia que "se está a censar" en Madrid. Durante a campaña interna para facerse coa presidendcia do PP estatal xa amosara o seu desexo de “volver vivir a Madrid” porque “é unha cidade acolledora, aberta, un lugar próspero que ama a liberdade”. O anuncio de que xa non votará en Galicia lanzouno durante o congreso que fai presidenta do PP madrileño a Isabel Díaz Ayuso.
O secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, será o responsable da mesma área na dirección estatal do PP. Ás ordes de Miguel Tellado, Rodríguez Miranda será outro máis dos varios populares galegos cos que Feijóo seguirá contando en Madrid.
O Sergas detecta un caso sospeitoso de varíola do mono. Trátase dunha persoa con síntomas "compatibles" coa doenza e que "non está hospitalizada", sinala a Consellería de Sanidade, que detalla a activación dun "protocolo" para que "todo o persoal sanitario teña claros os criterios para identificar" posibles casos. Ata o xoves, o Centro Nacional de Microbioloxía do Instituto Carlos III analizara 30 casos sospeitosos, confirmou 7 e estaba á espera dos restantes 23. Neste espazo, GCiencia ofrece máis información sobre a varíola do mono. Na imaxe, de arquivo, instalacións do ISCIII
O PP confirma que Elena Candia, presidenta provincial do partido en Lugo e ex-alcaldesa de Mondoñedo, será a nova vicepresidenta do Parlamento en substitución de Diego Calvo, que abandona o cargo na Mesa da Cámara tras o seu nomeamento como vicepresidente segundo da Xunta. A remuda abordarase o día 24 no pleno ordinario, que se celebrará xusto despois do extraordinario no que os populares votarán a designación de Feijóo e Tellado como senadores.
Falece o actor estradense Chete Lera nun accidente de tráfico na provincia de Málaga. Lera, nado en 1949, deixa unha ampla traxectoria teatral e cinematográfica dende finais dos anos 70 do século pasado e recibiu numerosos galardóns, entre eles dous premios Mestre Mateo en 2008 e 2009. A Academia Galega do Audiovisual, que transmite as súas condolencias, lembra que foi tamén a primeira persoa en entregar un premio Mestre Mateo, no ano 2003. [Imaxe: © Academia Galega do Audiovisual]
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia entrega este venres en Rianxo (18h, Pazo de Rianxiño) o Premio de Comunicación Xoán Vicente Viqueira, que gañou a xornalista de Praza.gal Ana G. Liste coa súa reportaxe sobre a tensión familiar pola COVID na infancia.
A xustiza ordena convocar o pleno extraordinario da Deputación de Pontevedra que lle foi denegado en decembro de 2021 aos deputados do PP para instar á presidenta do ente, Carmela Silva, a asumir responsabilidades políticas tras a sentenza do Tribunal Supremo que condenou a cinco anos e tres meses de prisión e a nove anos de inhabilitación a un funcionario do Concello de Vigo por participar nunha trama de contratación irregular da que se beneficiou a súa cuñada.
A maxistrada, que non entra a valorar se a Deputación ten competencia para abordar o sucedido no Concello de Vigo, asegura que "o que en ningún caso procede en dereito é impedir a celebración dun pleno que reúne os requisitos formais para iso". Contra esta resolución cabe presentar recurso de apelación. [Na imaxe, o salón de plenos da sede da Deputación de Pontevedra CC-BY-SA DePo]
O Parlamento votará en pleno o vindeiro martes, día 24, a designación de Feijóo e Tellado como senadores a proposta do PP. Así ficou confirmado na orde do día abordada na Mesa e na Xunta de Portavoces. O obxectivo da elección é que o ex-presidente da Xunta e líder do PP teña a oportunidade de confrontar con Pedro Sánchez nalgúns debates. Os dous escanos por elección da Cámara galega que corresponden aos populares ocupábanos a ex-conselleira Elena Muñoz, anterior candidata á alcaldía de Vigo, e mais Juan Serrano, ex-alcalde de Portomarín. Na imaxe, Feijóo co presidente da Xunta na súa toma de posesión, o pasado sábado.