Este 18 de abril, Venres Santo, Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Seguimos contando contigo o sábado 😊

Este 18 de abril, Venres Santo, Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Seguimos contando contigo o sábado 😊
O BCE baixa os tipos de xuro ata o 2,25% pola guerra arancelaria de Trump. É o sétimo descenso porque a inflación remite e os aranceis dos EUA frearán o crecemento.
Un oceanográfico construído en Vigo grava por primeira vez a lura colosal, un cefalópodo capaz de alcanzar os 500 quilos de peso. É a primeira vez que un exemplar é gravado no seu hábitat natural, cen anos despois do seu descubrimento. Explícao a expedición do Schmidt Ocean Institute e cóntao tamén o Faro de Vigo. Foto: Schmidt Ocean Institute
O vindeiro luns, 21 de abril, principia a segunda fase piloto do proxecto Xenoma Galicia co envío de sms para conseguir un milleiro de persoas voluntarias para a determinación do seu xenoma nunha mostra de saliva. As mensaxes chegarán a xente con centro de saúde nos concellos de Cedeira, As Somozas, A Coruña, Coristanco, Melide, Mondoñedo. Lugo, San Cristovo de Cea, Ourense, Silleda, Poio, Meis, Cerdedo-Cotobade, Vigo e Gondomar. As persoas teñen que aceptar a participación para recibir o kit de autotoma de mostra de saliva no seu domicilio, e posteriormente entregalo no seu centro médico.
Adega consegue en 19 días os 39.100 euros necesarios para emprender accións xudiciais contra o proxecto de celulosa de Altri en Palas de Rei. Os fondos acadados a través de microachegas permitirán presentar dous recursos contencioso-administrativo diante do TSXG, un contra a denegación do arquivo do expediente de concesión de augas de Altri e outro contra a Autorización Ambiental Integrada do proxecto.
O Ministerio de Xuventude impulsa unha reforma para estender o dereito ao voto á mocidade de 16 e 17 anos. O departamento de Sira Rego incorpora no texto da futura Lei de Xuventude unha medida de implantación incerta, toda vez que aínda non conta con acordo no seo do Goberno de España e, no caso de acadalo, precisaría do apoio do Congreso dos Deputados. En Galicia a rebaixa da idade para poder votar ata os 16 anos xa fora promovida por formacións coma o BNG.
O galego Alfonso Gómez volverá ser alcalde de Xenebra. O político nacido en Corme e candidato dos Verdes foi o segundo máis votado nas eleccións ao consello administrativo da cidade suíza o pasado domingo e ocupará durante un ano a alcaldía, como xa fixera en 2023. Foto: © S. Pointet
O Ministerio encarga un novo estudo sobre a variante de Cerdedo, a liña de tren entre Ourense e Pontevedra que leva xa dúas décadas en estudo. Transportes dedica outro millón de euros a un "estudo informativo complementario para lograr a Declaración de Impacto Ambiental".
Profesionais e pacientes do hospital de Burela volven mobilizarse para "denunciar as carencias" dun complexo "incapaz de cubrir as necesidades sanitarias da veciñanza da Mariña". Todas as categorías profesionais secundaron a protesta convocada pola xunta de persoal do distrito sanitario mariñao e que se suma á concentración da pasada semana.
Morre aos 89 anos o escritor Mario Vargas Llosa, premio Nobel de Literatura en 2010. Vargas Llosa morreu no Perú, o seu país de orixe onde chegou a ser candidato á presidencia, tras varias décadas residindo en Europa. [Imaxe: CC BY Daniele Devoti]