Este sábado constituíuse a Fundación do Panteón de Galegos e Galegas Ilustres a través dun acordo asinado por Parlamento, Xunta, Concello de Santiago e Arcebispado. A entidade, que contará cunha comisión asesora na que tamén participan as tres universidades públicas, o Consello da Cultura ou a RAG, recupera a xestión civil do simbólico espazo, onde repousan os restos de Castelao, Rosalía, Brañas, Asorey, Cabanillas e Fontán. No acto, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, agradeceu tamén ás fundacións Rosalía, Brañas, Asorey, Fontán e Castelao "o traballo que desenvolveron a prol da dignificación deste espazo".