O Burela gaña a Copa da Raíña por sexta vez. As xogadoras do club de fútbol sala Pescados Rubén Burela FS venceron o Club Roldán FSF con 3 goles a 2. Este é o quinto ano consecutivo que se fan co título.
Fálase
PSdeG e BNG manterían todos os gobernos nas cidades e o PP gobernaría Ferrol despois das eleccións do 28M, segundo a enquisa de Sondaxe que publica este domingo La Voz de Galicia.
Comeza a Feira do Libro de Santiago de Compostela co pregón do poeta Ismael Ramos. A feira, organizada pola Federación de Librarías de Galicia, reúne a once librarías na Alameda ata o vindeiro domingo 7 de maio, con preto dun centenar de autoras e autores e máis de 50 citas culturais. A programación completa pode consultarse aquí.
O presidente da Deputación de Ourense e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, acudirá a declarar o 9 de maio ao xulgado da Pobra de Seabra (Zamora) despois de que a Garda Civil o interceptase o pasado domingo conducindo a 215 quilómetros por hora pola autovía A-52 nun coche oficial, segundo confirma Europa Press.
- Baltar négase a dimitir, admite dúas multas máis e reitera que conduciu o coche oficial a 215 km/h por "despiste"
- Baltar di que conduciu a 215 por hora por "despiste" e Rueda eloxia as súas desculpas
- O posible expediente a Baltar queda en mans do PP estatal e o código ético da Deputación non contempla sancións
- BNG e PSdeG esixen a Rueda que actúe contra Baltar polo seu presunto delito ao conducir a 215 por hora e o presidente evítao
A Asociación Española de Críticos Literarios galardoa a Yolanda Castaño e Brais Lamela cos premios estatais da Crítica 2022, que se entregan para obras de poesía e narrativa nas catro linguas cooficiais do Estado. O xurado destacou da novela Niguén queda (Euseino) de Brais Lamela a súa capacidade para formular interrogantes existencias e do poemario Materia (Xerais) de Yolanda Castaño a súa forza evocativa e sensorial no marco dunha visión feminina e feminista da identidade.
A Sareb ratifica que dispón de 1.285 vivendas en Galicia "que poden incorporarse ao parque público de alugueiro" se as "adquiren" as Administracións. Sitúa 896 na provincia da Coruña, 249 na de Pontevedra, 108 en Lugo e 32 en Ourense. Nun comunicado, o banco malo evidencia que Galicia é "unha das zonas con máis oferta" porque se trata de vivendas procedentes do rescate das caixas. No caso galego, dos 5.000 millóns de euros de ladrillo tóxico absorbidos no rescate de Novagalicia Banco en 2012. [Mapa: © Sareb]
Hiperxel, en concurso de acredores polo seu estado de "insolvencia". O xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra vén de declarar o concurso voluntario de acredores a Xeldist Congelados, matriz de HIperxel, intervida desde agora na súa administración.
Baltar négase a dimitir e reitera que conduciu a 215 por hora nun coche da Deputación por "despiste" nunha viaxe a Madrid para manter dous encontros oficiais. A preguntas do PSdeG no pleno da Deputación de Ourense, o popular tamén nega que el conducise o coche oficial da institución que foi multado en setembro de 2021 na N-120 por conducir a 157 km/h nun treito limitado a 90; alega que un informe do xefe do parque móbil indica que non hai "datos fidedignos" para "afirmar con certeza quen conducía".
ENQUISA | Inés Rey mantería a alcaldía da Coruña o 28M pero desta volta co PSdeG como primeira forza, pasando de 9 a 12 edís, segundo unha enquisa divulgada por Radio Coruña que apunta tamén a un mantemento da representación do PP (9) e a un ascenso dun concelleiro para o BNG coruñés, que pasaría de 2 a 3. Marea Atlántica perdería 4 edís e quedaría con 2 e Por Coruña (a coalición de Podemos, EU e outras forzas) lograría un representante na corporación, indica o inquérito.
O Congreso aproba a lei de vivenda por maioría absoluta malia o 'non' de PP, Vox, Cs, PNV e Junts. Foron 176 votos a favor fronte a 167 en contra.