A primavera comeza este luns ás 22:24 horas. Na contorna do equinoccio, a duración do día e da noite son teoricamente iguais. "O Sol sae exactamente polo leste e o solpor prodúcese exactamente ao oeste. Porén, debido á luz crepuscular, antes da saída do Sol e logo do solpor, a claridade supera á escuridade", explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo.
Nos vindeiros meses haberá dúas oportunidades para observar a simple vista o planeta Mercurio desde Galicia: en torno ao 11 de abril tras o solpor e sobre o 29 de maio antes da saída do Sol.
