A participación na segunta volta das eleccións ao Reitorado da Universidade de Santiago ás 12 do mediodía móvese entre o 49% no profesorado doutor con vinculación permanente e o 13% do estudantado. Votou tamén o 50% do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos e o 28% do restante persoal docente e investigador. Os datos son oito puntos inferiores aos da primeira volta entre o profesorado doutor pero aumentan lixeiramente entre o estudantado.
A comunidade universitaria da USC escolle este mércores a súa nova reitora entre Rosa Crujeiras e Maite Flores. Na primeira volta, celebrada hai un mes, Crujeiras fíxose co 41% dos votos ponderados, fronte ao 21% de Flores. As votacións pecharanse ás seis da tarde, momento no que se coñecerá a gañadora. Os resultados finais da votación poderán consultarse nesta ligazón.