A xornalista lucense Érika Reija recibiu este sábado en Ferrol o premio José Couso á liberdade de prensa, promovido polo Colexio Profesional de Xornalistas e o Club de Prensa ferrolán. No transcurso dos actos, Reija leu o texto Na guerra da desinformación, fagamos que gañe a verdade, redactado por ela para o Día Internacional da Liberdade de Prensa, cun chamamento a volver ás orixes do xornalismo, primando "a calidade sobre a cantidade, as crónicas ben documentadas sobre os textos rápidos ou as conexións ininterrompidas".
