O peche perimetral de Tui decretado pola Xunta pecha tamén parcialmente o paso fronteirizo con Valença do Minho. Na liña do estipulado no estado de alarma, esa mesma limitación rexe en Verín, en ambos casos con excepcións para desprazamentos laborais, regreso ao lugar de residencia e o resto de razóns contempladas polo Goberno galego e en todo caso para quen vaia en tránsito a outro municipio. No resto da raia, o tránsito está permitido. Mañá, luns, primeiro día laborable con estas restricións, entra en vigor o novo estado de emerxencia en Portugal, con confinamento nocturno en 121 concellos.
Fálase
Luis Arce toma posesión como novo presidente de Bolivia. "Somos a maioría, gañamos as eleccións, a poboación boliviana votou pola paz", subliñou tras asumir o cargo. O Estado español estivo representado no acto polo rei e o vicepresidente segundo, Pablo Iglesias. No nome do BNG, acudiu Ana Miranda.
Joe Biden xa ten votos dabondo para ser o vindeiro presidente dos Estados Unidos de América. Varios medios estadounidenses, como o New York Times, ratifican que, tras imporse a Donald Trump no estado de Pennsylvania, o candidato demócrata ten xa asegurada a elección presidencial. O propio Biden dá xa a vitoria por feita nas súas contas oficiais nas redes sociais.
Joe Biden achégase máis á vitoria nas eleccións presidenciais dos EUA e está a apenas seis votos electorais dos precisos para desbancar a Donald Trump, que teima nas súas acusacións de fraude sen achegar probas ao respecto. O reconto, non obstante, aínda segue (Imaxe: C-SPAN). "Os números son claros, imos gañar", afirma o candidato demócrata
O Xulgado ordena á familia Franco devolver Meirás ao Estado o 10 de decembro. A maxistrada admite a petición do Goberno central despois de que os herdeiros tamén o aceptasen. Executarase así provisionalmente a sentenza do pasado 2 de outubro á espera da resolución do recurso que presentaron os franco. A devolución chegará 82 anos e 5 días despois da entrada do ditador no pazo.
Os XXIV Premios de Teatro María Casares darán a coñecer os seus gañadores e gañadoras o vindeiro luns 9 de novembro a través dunha emisión en Youtube, entre as 20 e as 21 horas. Os galardóns ían ser entregados o pasado 26 de marzo, pero a pandemia de coronavirus fixo imposible a organización da gala prevista no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
O PSdeG presenta as súas sinaturas para unha moción de censura en Ourense e pide ao resto de partidos que a subscriban. A lei establece que para poder sequera iniciar a súa tramitación as mocións de censura deben estar asinadas ante notario polo número suficiente de edís para poder prosperar posteriormente nun Pleno, algo co que aínda non contan os socialistas, que anuncian que este xoves depositarán a moción coas súas sinaturas nunha notaría da cidade “a disposición de todos os que queiran pasar a asinala”.
Feijóo anuncia o peche de "todas as actividades non esenciais" en 60 concellos e o seu confinamento perimetral, entre elas as sete cidades e as súas áreas de influencia para "tentar conter" o incremento dos contaxios do coronavirus dende as 15:00 do venres e coa "previsión" de que dure un mes. As medidas inclúen o peche da hostalaría agás para servizo a domicilio. A pasada noite, a Consellería de Sanidade asegurara que o comité clínico decidira manter as restricións sen cambios, cando menos, ata o venres, pero o presidente da Xunta matiza que, en realidade, a xuntanza continuou na mañá deste mércores.
- MÁIS INFO EN AMPLIACIÓN 👉A Xunta pecha a actividade non esencial e impón confinamento perimetral dun mes a 60 concellos
O TSXG permite a Alcoa os despedimentos pero prohíbelle parar as cubas na súa factoría da Mariña. O Superior aclara que a empresa pode executar os despedimentos previstos e mesmo deter a produción, pero "debe manter as cuBas activas por se o ERE fose nulo" e estima parte das medidas cautelares solicitadas polos representantes dos traballadores.
A Xunta anuncia unha comparecencia de Feijóo ás 13:00 para "dar conta das medidas acordadas" no comité clínico celebrado a pasada noite. Segundo o avanzado por Sanidade, as restricións continúan sen cambios ata, cando menos, o vindeiro venres.