A Audiencia Nacional ve indicios de 21 delitos de homicidio por imprudencia grave no Vila de Pitanxo. Máis información, decontado en Praza.gal.
Fálase
O Parlamento entrega este mércores as súas medallas á Valedoría do Pobo, Consello de Contas e Consello da Cultura Galega pola súa achega ao "afianzamento do autogoberno" como institucións estatutarias. O galardón, que se entrega cadrando co aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía, foi acordado por unanimidade na Mesa da Cámara, na que están representados os tres grupos (PP, BNG e PSdeG).
Os votos do PP frean no Parlamento a toma en consideración a reforma sanitaria promovida polo PSdeG para impedir demorar a cita en Atención Primaria máis de dous días. A iniciativa, defendida polo deputado Julio Torrado (na imaxe) si tivo o apoio do BNG. Durante o debate, o PP responsabilizou o Goberno de España das carencias de persoal neste servizo do Sergas.
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego descenderon un -0,76% en Galicia durante o mes de marzo (a media estatal foi do -0,09%) e quedan en 153.336, o que supón 27.383 menos que hai un ano (-15,15%, fronte ao -21,29% da media). No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 2.311 persoas (+0,23% e a media estatal, +0,71%) e sitúase en 1,03 millóns de persoas ocupadas, case un 3% máis que no mesmo mes de 2021 (o aumento estatal é do 4,8%).
O sector bateeiro manifestouse este domingo en Compostela para reclamar á Xunta que amplíe "de forma inmediata" as zonas de recollida de cría de bivalvo, baixo o lema "sen mexilla non hai mexillón e non hai futuro". O 30 de abril finaliza o prazo para a recollida de mexilla e aseguran que a metade das bateas carecen dela neste momento.
A Portrait On The Search For Happiness (Premio ao Mellor Filme) e El último de Arganeo (Premio ao Mellor Filme Galego), gañadores na 17 Mostra Internacional de cinema etnográfico, que se pechou este sábado no Museo do Pobo Galego. A Mención de Honra do Xurado foi para Pedra patria e o Premio do Público foi para Resonancias do pasado.
Feijóo, elixido presidente do PP co 98,35% dos votos emitidos no congreso da formación. Foron un total de 2.619 votos a prol, 44 brancos e 7 nulos, segundo expuxo a presidencia do conclave.
O persoal das empresas auxiliares da refinaría de Repsol acorda levantar o paro indefinido a partir do luns, que emprendeu tras a morte dun traballador na factoría. A decisión, explica a CIG, "chega despois da negociación mantida coa petroleira" na que se "constatou que Repsol está a dar pasos en firme para cumprir os puntos máis urxentes en materia de seguridade", tales como "dispor de ambulancia e persoal médico 24 horas os sete días da semana e incrementar os equipos automatizados e de detección"
A inscrición ás oposicións de Educación da Xunta péchase cun total de 22.919 persoas que optarán a 2.484 prazas nas probas que se desenvolverán a partir do 18 de xuño. O detalle das prazas e número de persoas inscritas para cada especialidade pódese consultar nesta ligazón
Os gobernos de España e Portugal fixan en 30 euros megavatio / hora o prezo límite do gas que propoñen á UE para así baixar os custos da electricidade arredor dun 60%, tal e como permitiu á UE ao abrir a porta á "excepción ibérica". Esta é a proposta que remitiron xa á Comisión Europea, adiantada polo xornal portugués Público e confirmada pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera. Nos días posteriores ao inicio da invasión de Rusia na Ucraína, este prezo chegou as superar os 400 euros megavatio / hora. Na imaxe [© Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa], Pedro Sánchez e António Costa tras o Consello Europeo do pasado venres, cando os seus Executivos recibiron o visto e prace para limitar o prezo do gas.