Feijóo, elixido presidente do PP co 98,35% dos votos emitidos no congreso da formación. Foron un total de 2.619 votos a prol, 44 brancos e 7 nulos, segundo expuxo a presidencia do conclave.
Fálase
O persoal das empresas auxiliares da refinaría de Repsol acorda levantar o paro indefinido a partir do luns, que emprendeu tras a morte dun traballador na factoría. A decisión, explica a CIG, "chega despois da negociación mantida coa petroleira" na que se "constatou que Repsol está a dar pasos en firme para cumprir os puntos máis urxentes en materia de seguridade", tales como "dispor de ambulancia e persoal médico 24 horas os sete días da semana e incrementar os equipos automatizados e de detección"
A inscrición ás oposicións de Educación da Xunta péchase cun total de 22.919 persoas que optarán a 2.484 prazas nas probas que se desenvolverán a partir do 18 de xuño. O detalle das prazas e número de persoas inscritas para cada especialidade pódese consultar nesta ligazón
Os gobernos de España e Portugal fixan en 30 euros megavatio / hora o prezo límite do gas que propoñen á UE para así baixar os custos da electricidade arredor dun 60%, tal e como permitiu á UE ao abrir a porta á "excepción ibérica". Esta é a proposta que remitiron xa á Comisión Europea, adiantada polo xornal portugués Público e confirmada pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera. Nos días posteriores ao inicio da invasión de Rusia na Ucraína, este prezo chegou as superar os 400 euros megavatio / hora. Na imaxe [© Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa], Pedro Sánchez e António Costa tras o Consello Europeo do pasado venres, cando os seus Executivos recibiron o visto e prace para limitar o prezo do gas.
Feijóo elixe a Concepción Cuca Gamarra como nova secretaria xeral do PP en substitución de Teodoro García Egea. Gamarra foi voceira parlamentaria da formación con Pablo Casado e actualmente exerce as funcións de coordinadora xeral ata o nomeamento de Feijóo. Anteriormente fora alcaldesa de Logroño. O aínda presidente da Xunta anunciouno a través das redes sociais apenas media hora despois de que o Goberno galego reflectise, nas súas contas oficiais, que se estaba a desenvolver no complexo de San Caetano a reunión semanal do Consello. Na imaxe [© PP], Gamarra e Feijóo durante un mitin da campaña interna do PP.
Feijóo dimite como presidente do PPdeG tres días antes de ser nomeado presidente do PP estatal por seren cargos incompatibles. Divulgouno na súa conta de Twitter, na que di que "foi unha honra" e que mantén "o orgullo de seguir sendo militante na terra que mo deu todo". A renuncia será efectiva o día 1 a á fronte do partido queda o seu secretario xeral, Miguel Tellado, ata que se elixa un novo presidente.
O IPC dispárase en marzo ata o 9,8% no Estado, a súa taxa máis alta en 37 anos. O incremento débese ás subas "xeneralizadas", sobre todo nos prezos da electricidade, carburantes e alimentos.
O BOE publica as axudas aprobadas polo Consello de Ministros para afrontar a crise de prezos, que inclúen o desconto de 20 céntimos por litro de combustible dende o venres e a limitación temporal das subas dos alugueiros de vivenda, entre outras medidas. Pódese consultar o texto íntegro nesta ligazón. Na imaxe [© Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa], as vicepresidentas Calviño, Díaz e Ribera expoñendo os contidos do Real Decreto.
Feijóo reitera que a súa dimisión como presidente da Xunta se producirá "a partir de abril". A vindeira fin de semana será proclamado novo líder do PP. Dende que esa dimisión se produza, a remuda na presidencia do Goberno galego ten que producirse nun máximo dun mes.
Falece un dos operarios feridos nun accidente na refinería Repsol da Coruña. O home, de 35 anos, sufrira graves feridas tras o sinistro do pasado sábado. Compañeiros concentráronse hoxe ante a fábrica pedindo "menos urxencia na produción e máis présa na prevención".