Dez temas para recuperares se desconectaches en agosto

Algúns dos temas destacados en Praza.gal durante o pasado agosto CC-BY-NC-SA Praza.gal

Setembro principiou hai xa uns días, pero este día 5 comeza a súa primeira semana completa. Con ela bota a andar dalgún xeito un novo curso. E non só nas aulas, que reabren estes días. Tamén volve a actividade habitual a outros moitos eidos como a política ou a información.

Isto non quere dicir, así e todo, que no xa pasado mes de agosto non sucedesen cousas. Aconteceron tal. Algunhas delas contámolas e explicámolas en Praza.gal, pero se cadra non as viches ou pasáronche ás présas pola pantalla entre outros asuntos máis propios da época estival. Son, en boa medida, temas que non caducan e que cremos que che poden interesar nestes días de volver conectar. Velaquí van dez deles, cuns cantos fíos informativos dos que continuaremos tirando no vindeiro outono.

O 53% das 509 mortes en residencias nos primeiros 9 meses da COVID foron en centros de DomusVi ou Fundación San Rosendo

Efectivos da UME realizan tarefas de desinfección na residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago, unha das que máis mortes rexistrou nos primeiros nove meses da pandemia © Goberno de España

Tras máis dun ano e medio de intentos por diversas vías ao abeiro da lei de transparencia, foi neste mes de agosto cando logramos acceder aos datos das mortes de persoas coa COVID nas residencias galegas con ao comezo da pandemia, con información desagregada por cada centro. Despois de que o Tribunal Superior rexeitase un recurso do grupo DomusVi, o principal do sector, a Xunta desvelou os seus datos oficiais a petición de Praza.gal. Analizámolos e publicámolos xunto co documento oficial íntegro.

Contas conclúe que o fondo do Estado polos gastos da COVID foi "suficiente" para a Xunta agás no ensino

Pedro Sánchez e Núñez Feijóo (na altura, presidente da Xunta), nos actos do Día da Constitución de 2020, marcados polas restricións da pandemia CC-BY-SA Xunta

Non foi en agosto, pero si ás portas do mes estival por excelencia (como é habitual) e no comezo dunha fin de semana cando o Consello de Contas fixo públicos os seus últimos informes. Tras dous anos nos que o Goberno galego se presentou -primeiro con Feijóo, despois con Rueda- como vítima dunha aldraxe por parte do Executivo estatal para afrontar a COVID, o ente fiscalizador concluíu que os 735 millóns achegados polo Estado foron dabondo en 2020 para afrontar os gastos sanitarios, sociosanitarios e doutros eidos pola COVID e que apenas faltarían 3 millóns para compensar tamén os educativos. Outro dos informes presentados ao Parlamento amosa que a Xunta quixo "reescribir" o informe onde Contas constata que incumpre a lei por non ter un rexistro de entes paralelos.

O Goberno de Feijóo recomendou limitar a calefacción a 19 graos e o aire acondicionado a 25 para aforrar enerxía

Destaques do decálogo de eficiencia enerxética editado pola Xunta o pasado xullo, sobre unha imaxe do presidente da Xunta con Feijóo durante os actos previos á ofrenda da Casa Real ao Apóstolo CC-BY-SA Praza.gal | Foto: © Xunta

As medidas de aforro enerxético aprobadas polo Goberno de España e referendadas no Congreso por ampla maioría absoluta protagonizaron en boa medida o debate político no pasado agosto. O ex-presidente Feijóo, agora como líder do PP, encabezou a oposición ao decreto e a contidos do mesmo coma os límites á temperatura de calefaccións e aires acondicionados. No entanto, a Xunta vén editando guías de aforro enerxético con temperaturas límite para estes dispositivos, dos que vén pedindo "non abusar". Agora, a dirección do PP cualifica medidas coma estas de "ocorrencia" ou "broma de mal gusto"

A Xunta recoloca o ex-senador que cedeu o seu escano a Feijóo como director da Casa de Galicia en Madrid

Feijóo como presidente da Xunta con Juan Carlos Serrano cando era alcalde de Portomarín CC-BY-SA Xunta de Galicia

Neste caso si foi en agosto. En pleno agosto. O Goberno de Alfonso Rueda confirmou no día 12 dese mes o nomeamento dun novo director da Casa de Galicia en Madrid, posto que levaba vacante ano e medio, dende a morte do anterior titular do cargo. O elixido foi Juan Carlos Serrano, antigo alcalde de Portomarín e, sobre todo, senador que tivo que dimitir aos poucos meses de chegar á Cámara Baixa para deixarlle sitio a Feijóo despois da súa dimisión como presidente da Xunta para liderar o PP en substitución de Pablo Casado.

A patronal tamén critica que os orzamentos da Xunta "afondan no deterioro da atención primaria"

Centro de saúde no Milladoiro (Ames) © Xunta

Nos primeiros días de agosto, o Consello Económico e Social (CES) entregou ao Parlamento a súa Memoria Socioeconómica de 2021. O documento foi aprobado por unanimidade dos membros do organismo, no que están representados, entre outros, os principais sindicatos e mais a Confederación de Empresarios de Galicia. Nel, ademais outros aspectos, o CES critica que os orzamentos da Xunta "afondan no deterioro da Atención Primaria" do Sergas. A devandita unanimidade supón, daquela, que a patronal galega tamén asume esta alerta sobre a política sanitaria do Goberno galego.

Rueda fai cen días como presidente coa súa axenda pública centrada no turismo e a gastronomía

Rueda recolle o recoñecemento de Peregrino de Honra do Concello de Padrón CC-BY-SA Xunta de Galicia

O pasado 22 de agosto Alfonso Rueda chegou aos seus primeiros cen días como presidente da Xunta, limiar simbólico no que adoitan realizarse os primeiros balances de xestión dos mandatarios tras a súa elección -no seu caso, como substituto de Alberto Núñez Feijóo. Máis dun terzo das xornadas con actos oficiais desde que o popular está no cargo e ata ese día número 100 incluíron citas relacionadas co turismo, que el mesmo situara na toma de posesión do seu Goberno como "puntal do despegue" de Galicia

Así ardeu Galicia en xullo e agosto: o peor verán dende 2006

Consecuencias do lume na Veiga de Cascallá, en Rubiá, tras os incendios do pasado xullo ©

Tras varios anos de relativa calma, o lume volveu golpear con forza o monte galego este verán. Fíxoo de maneira especialmente destrutiva en espazos sensibles coma O Courel e Valdeorras. En pouco máis de 45 días arderon ao redor de 43.000 hectáreas, tendo en conta os 89 incendios dos que informou a Xunta. Ourense foi a provincia máis afectada, pero o foco que arrasou máis superficie foi o do Courel, que queimou unhas 11.000 hectáreas no maior incendio documentado na historia de Galicia.

Un só médico para atender un concello rural e avellentado: a falta de persoal non só se agrava nas vilas turísticas

Cartel que denuncia a falta de médicos en Abadín, nunha parroquia do concello CC-BY-SA M. Pereira

A carencia de persoal na sanidade pública volveu ser noticia durante o pasado agosto. Sucedeu en pequenos concellos coma o lucense de Abadín, que contou cun único médico durante todo o verán entre mobilizacións da veciñanza ante o "serio perigo" para a atención nun municipio co 40% da poboación maior de 65 anos. Pero tamén aconteceu no máis poboado eixo atlántico, con aspectos especialmente críticos en áreas como a de Pontevedra e episodios preocupantes como a morte no PAC de Sanxenxo dunha muller que non puido conseguir ambulancia, caso investigado pola Xustiza.

O problema da vivenda en Vigo: avalistas para alugar aínda cunha nómina e propietarios que apostan polo turismo

Vista de Vigo desde o castelo de San Sebastián © Gonzalo G. R.

O problema da vivenda é xeral, pero maniféstase con maior relevancia en lugares como a cidade máis poboada do país. Propietarios de pisos turísticos en Vigo aseguran que "a demanda medrou moitísimo coa pandemia" e salientan que con esta maneira de alugar evitan impagos. Mentres, o parque de vivenda protexida en Vigo non se move e as inmobiliarias transmiten que case non teñen pisos por baixo dos 700 euros

Mans da Galicia que vén

Cristina Fernández-Armesto, Xosé Lois Lamazares, Andrés Rodríguez e Carmen Lence © Casa Grande de Xanceda | DaVeiga | Viña Costeira | Grupo Lence

O pasado agosto estreamos en Praza.gal o espazo Mans da Galicia que vén, onde coñeceremos proxectos apegados ao territorio e con vocación de futuro en diversos puntos do país. Nas primeiras catro entregas conversamos con responsables doutras tantas empresas ligadas ao sector agrario, gandeiro e da alimentación: Cristina Fernández-Armesto (Casa Grande de Xanceda), Xosé Lois Lamazares (DaVeiga), Carmen Lence (Río de Galicia) e Andrés Rodríguez (Viña Costeira). A serie continuará nos vindeiros meses.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.