Seleccionamos algunhas das principais pezas que publicamos en Praza.gal durante as últimas semanas para que, se queres, poidas poñerlles un ollo agora, sen présa
Durante estes días de Nadal pode que desconectases da última hora informativa (ata que Trump decidiu atacar Venezuela). Pero o planeta vén de dar unha nova volta ao sol e segue a xirar, así que pode que che interese recuperar algunhas das informacións que publicamos en Praza.gal nas últimas semanas e que seguirán a dar que falar durante o ano que agora comeza. Agrupámoschas nesta peza para que sexa máis doado chegar a elas, igual que repasamos as informacións máis importantes de 2025 nesta outra análise: Noticias do ano que volvemos arder.
O Consello da Cultura e a RAG queren que Galicia entre na Unesco con Catalunya e Euskadi
No seu balance político de final de ano o presidente Pedro Sánchez anunciou a súa intención de que Catalunya e Euskadi sexan membros asociados da Unesco e a Organización Mundial do Turismo. O mesmo queren para Galicia o Consello da Cultura Galega e a RAG, pero a Xunta non o considera prioritario e Rueda mesmo di estar satisfeito das xestións que o Goberno de Sánchez fai para Galicia.
Remuda na cúpula de Medio Rural no peor ano de incendios
No remate do ano dos peores incendios forestais da historia de Galicia a Xunta remudou a cúpula da Consellería do Medio Rural. Na mesma remodelación o Goberno galego cambiou as secretarías ou direccións xerais de Medio Rural, incendios, ordenación forestal, pesca, deporte ou modernización tecnolóxica. BNG e PSdeG coincidiron en que as mudanzas confirman o "desastre" da xestión dos incendios. Uns incendios que para Praza.gal foron o acontecemento de maior impacto de 2025.
O negocio redondo de Audasa: máis clientes que cada vez pagan menos e deixan un beneficio maior
Como cada 1 de xaneiro as peaxes das autoestradas volveron subir, facendo que por exemplo unha viaxe Vigo-A Coruña custe 21,40 euros. Pero ao tempo as sucesivas bonificacións das administracións están facendo mellorar o negocio de Audasa, a concesionaria da AP-9, cun aumento de beneficios moi superior ao aumento do tráfico grazas a que os usuarios habituais agora pagan menos en detrimento das arcas públicas.
Quen 'aguanta' traballando nas urxencias do PAC? Médicos acusan a "degradación" pola "masificación"
"O que antes podiamos chamar unha garda mala, agora é unha garda normal. É dicir, que non hai gardas boas, temos gardas malas ou pésimas", aseguran médicos e médicas dos puntos de atención continuada (PAC), unhas prazas cada vez máis difíciles de cubrir. "Deixaron que a situación se deteriore tanto que agora a solución é cargarnos con máis traballo e máis horas", critican.
A burbulla das cabanas turísticas no monte: Medio Ambiente validou un cento só en 2025
A lei galega que permite "campamentos turísticos" en solo rústico está sendo aproveitada para construcións que pouco teñen que ver cos tradicionais cámpings, sector que discrepa deste novo modelo.
Galegos de Cuba, Suíza ou Colombia: a nova Galicia, mestiza e con cen acentos, espállase polo país
Máis de 12 de cada 100 galegos e galegas naceron no estranxeiro, ao redor de 330.000 persoas. Os datos din (e é doado constatalo ao saír á rúa de vilas e concellos pequenos) que a poboación nacida noutros países está tamén contribuíndo a enriquecer e rexuvenecer a Galicia vilega e rural.
Tras as luces das compras masivas do Nadal: sobrecarga, longos horarios e traballar o domingo
O calendario da Xunta para as aperturas comerciais en domingos e festivos permite que as grandes superficies abran 55 días seguidos desde finais de novembro ata mediados de xaneiro. O Goberno galego permitirá tamén abrir os vindeiros 25 de xullo e 15 de agosto, decisión que ergueu as protestas do sector.
O vento é noso: o camiño cara ao primeiro parque eólico comunitario de Galicia
Vén de nacer Enerxía Comunitaria, unha iniciativa que busca poñer en marcha un parque eólico comunitario de 5 MW, propiedade dos seus socios e socias. Fai un chamamento a particulares, entidades sociais, empresas e insitucións a participar no proxecto, que busca reunir tres millóns de euros para conformar unha alternativa respectuosa co medio e cuxos beneficios fiquen en Galicia e, nomeadamente, nas comunidades locais.
O Sergas volve incumprir o protocolo de acoso laboral: 9 meses sen investigar e medidas sen aplicar
A Valedora do Pobo revelou que unha investigación viu acoso laboral no hospital de Pontevedra e propuxo un expediente disciplinario, pero a xerencia da área sanitaria non o abriu e propiciou vitimizacións secundarias das persoas denunciantes.
O PP compárase con Castelao e rexeita "politizar" a súa figura... e aos poucos días Rueda tira del no seu discurso de fin de ano
O PPdeG rematou o ano asegurando que se "é o partido que máis se parece a Galicia é porque, ao igual que Castelao, mantemos sempre o vínculo coa nosa terra, co noso idioma e coa nosa cultura". Así o aseguran os populares, que ao tempo piden non "politizar" a figura de Castelao. Poucos días despois, no seu discurso televisado de fin de ano, o presidente Rueda tirou de Castelao para enxalzar as súas propias políticas e para pedir, como o nacionalista, "non lle poñades chatas á obra mentres non se remata. O que pense que vai mal que traballe nela, hai sitio para todos".
Galicia rexeita a nova estratexia de Trump para "corrixir a traxectoria" de Europa
Xunta, partidos e analistas recean da nova Estratexia de Seguridade Nacional de Estados Unidos, que acusa á UE e á inmigración do "borrado da civilización" europea e que aposta polo poder fronte á democracia liberal.
'Xenocidio', palabra galega do ano con Gaza na mente
Na votación organizada pola Real Academia Galega e o Portal das Palabras da Fundación Barrié o termo sumou máis do 40% dos case 7.200 votos rexistrados. O segundo máis votado entre os finalistas foi Foliada, con case o 20%; no terceiro posto ficou lume seguido de desfeita, loia e retrinco.