Fillas de Cassandra empezan a desvelar o que estiveron preparando para o seu novo álbum, Tertúlia, e presentan Saír á fresca, unha canción de celebración do camiño percorrido ata agora polo dúo vigués. Neste exercicio de Tertúlia que propoñen Sara Faro e María SOA as voces e o diálogo confúndense, apúranse, crúzanse, compártense. As voces berradas e cantadas toman a palabra e forman comunidade coa música e coas harmonías corais.
Saír á fresca vén acompañada dun videoclip dirixido polas propias Fillas de Cassandra, Santiago Iglesias e Sergio ‘Steel’, e rodado en Bouzas (Vigo) o pasado decembro coa participación das intérpretes Mireia Oriol, Cris Iglesias e Antonio Durán ‘Morris’, aos que vemos nunha parada de Vitrasa.