Caamaño&Ameixeiras únense ás Tanxugueiras para lanzar unha Ghatiña Mansa que foxe do amor romántico. En vésperas do Día das Letras dedicado ás cantareiras, ambas bandas baséanse en coplas tradicionais nunha letra que reflexiona "sobre a solteiría como forma de resistencia fronte á lóxica do amor romántico e o parellocentrismo". O tema está dispoñible dende este martes en todas as plataformas.
Fálase
O PKK kurdo anuncia a fin da loita armada tras 40 anos. O líder da organización, Abdullah Öcalan, pediuno en febreiro desde a cadea na que está preso en Turquía. [Foto: Kurdishtruggle CC-BY]
Feijóo convoca congreso do PP estatal para xullo en Madrid. Os estatutos do partido marcan que os congresos ordinarios deben celebrarse cada catro anos, pero non o fai dende 2017, cando Mariano Rajoy foi reelixido no liderado. Dende aquela organizaron dous extraordinarios: un en 2018 para remudar a Rajoy tras perderen o Goberno de España e outro en 2022, para oficializar a destitución de Pablo Casado e a súa substitución por Feijóo, en ambos casos sen relatorios que fixasen a postura da formación sobre a política xeral. Na imaxe, o ex-presidente galego este luns en Madrid no Comité Executivo do PP con dirixentes territoriais do partido entre os que non estivo Alfonso Rueda, ao cadrar o acto co Consello da Xunta [© PP]
Abanca asegura que "non ten interese" nunha eventual fusión co Banco Sabadell. "Ante as recentes informacións publicadas en diversos medios", a entidade "insiste" nun comunicado en que "só participaremos en operacións que garantan a preservación do noso modelo de gobernanza e o noso modelo de negocio", coa culminación da integración do portugués EuroBic como "prioridade actual". Abanca gañou 220 millóns de euros no primeiro trimestre do ano e superou os 1.200 millóns de beneficios en 2024. [Imaxe: © Abanca]
Melide acolleu esta fin de semana a 33ª edición da Festa do Melindre, a “festa máis doce de Galicia”, unha celebración na que se venderon e degustaron millares de pezas deste doce tradicional e tamén de ricos e amendoados. A festa comezou o sábado cun acto de irmanamento coa localidade vasca de Santurtzi e o pregón de Edu Lavandeira. Korrontzi ou De Ninghures puxeron a música nun evento que incluíu unha gran feira e obradoiros de repostaría.
José Tomé, reelixido secretario xeral do PSdeG-PSOE da provincia de Lugo no marco do 5º Congreso Provincial, no que participaron 150 delegados e delegadas. Durante a súa intervención de clausura, Tomé apostou por un partido “con forza, con vocación de servizo público, que poña no centro as persoas, a igualdade, os servizos públicos e o desenvolvemento sustentable da provincia”
Bugallo renuncia ao escano de Senador antes de declarar nos xulgados de Santiago, en calidade de testemuña, no procedemento aberto en relación co expediente de expulsión de catro concelleiras e concelleiros socialistas de Compostela. O exalcalde compostelán polo PSdeG asegura que o fai "por coherencia persoal" coa súa forma de entender a política "e por responsabilidade". [📸 @XSanchezBugallo]
A Xunta de persoal da área sanitaria da Coruña e Cee solicita o amparo da Valedora do Pobo "ante a pasividade da Xerencia na toma de medidas efectivas para previr as agresións a profesionais". "Levamos anos denunciando o incremento da conflitividade cos e coas profesionais que desenvolven o seu traballo e a maioría de veces por motivos alleos como son as longas listas de agarda", explican no escrito rexistrado este venres nas oficinas da Valedora. Piden a súa axuda para que a Xerencia da Coruña-Cee e a Consellería de Sanidade tomen "as medidas preventivas necesarias" para poder traballar "nun ambiente seguro".
MeteoGalicia activa avisos amarelos na maior parte de Galicia para este venres, día 9, e mais para mañá sábado, día 10, por treboadas con fortes chuvias. "Temos por diante 48 horas de moita inestabilidade atmosférica con chuvias localmente fortes e acompañadas de sarabia e treboadas", advirte. Os detalles, no seu web.
Fumeira branca á cuarta votación. Os cardeais participantes no cónclave no Vaticano acordan a designación dun novo papa, anunciado ás 18.07 horas desta tarde [📸 VaticanNews].
+ INFO | "Habemus papam": o cardeal Prevost é o papa León XIV