Fumeira branca á cuarta votación. Os cardeais participantes no cónclave no Vaticano acordan a designación dun novo papa, anunciado ás 18.07 horas desta tarde [📸 VaticanNews].
+ INFO | "Habemus papam": o cardeal Prevost é o papa León XIV

Fumeira branca á cuarta votación. Os cardeais participantes no cónclave no Vaticano acordan a designación dun novo papa, anunciado ás 18.07 horas desta tarde [📸 VaticanNews].
+ INFO | "Habemus papam": o cardeal Prevost é o papa León XIV
📺 Denunciado o patrón dun arrastreiro galego por capturar 18 delfíns e catro peixes espada. A Garda Civil iniciou a investigación tras a publicación dun vídeo da entidade ecoloxista Sea Shepherd.
O Congreso aproba o plan do Goberno de España para afrontar os aranceis dos EUA por maioría absoluta malia ao "non" do PP e Vox. As medidas contaron co apoio das dúas forzas que conforman o Goberno de España, PSOE e Sumar, e do groso de formacións que apoiaron a Pedro Sánchez na investidura, entre elas o BNG, ata un total de 176 votos a prol entre os que non estiveron os de Podemos, que optou pola abstención. Na imaxe, o ministro de Economía, Carlos Cuerpo, defendendo o proxecto. [© Congreso]
Segunda fumeira negra na elección do novo papa. Pouco antes do mediodía deste xoves o fume negro informou de que os 133 cardeais electores pechados na Capela Sistina non chegaron aínda a unha decisión sobre quen sucederá a Francisco. Desde este xoves haberá catro votacións diarias ata acadar cando menos dous terzos do total, isto é, un mínimo de 89 votos favorables a un candidato.
Jácome anuncia o rexistro dunhas "novas siglas de partido" para "concorrer a comicios supramunicipais". A través dunha mensaxe nas redes sociais, o alcalde de Ourense e líder de Democracia Ourensana asegura que esta será unha nova formación "confederada a DO". O rexistro formalizouse o pasado abril, agrega amosando unha fotografía na que aparece canda Armando Ojea, deputado de DO no Parlamento, e Susana Gómez, xefa do gabinete da alcaldía ourensá. Actualmente, alén do consistorio ourensán DO ten representación no Concello de Barbadás cun concelleiro e na Cámara galega, co devandito parlamentario.
Fumata negra na primeira votación para elixir un novo papa. Ás nove en punto da noite o fume negro informou de que os 133 cardeais electores pechados na Capela Sistina non chegaron aínda a unha decisión sobre quen sucederá a Francisco. A partir de agora haberá catro votacións diarias ata acadar cando menos dous terzos do total, isto é, un mínimo de 89 votos favorables a un candidato. Na imaxe, de Vatican News, o peche das portas da capela, o coñecido "extra omnes".
Principia o conclave do que sairá o 267º papa da Igrexa Católica. Dende as 16:30 deste mércores os 133 cardeais electores, os menores de 80 anos, péchanse na Capela Sistina para abordaren unha elección na que esta mesma tarde se celebra a primeira votación e de, aí en diante, catro diarias ata acadar cando menos dous terzos do total, isto é, un mínimo de 89 votos favorables a un candidato. [Imaxe: retransmisión Vatican News]
"Sempre sanidade pública": a deputada do PSdeG Silvia Longueira agradece o labor do CHUAC no seu retorno ao Parlamento tras o seu tratamento de cancro. A parlamentaria trasladou este agradecemento durante a súa primeira intervención no pleno que se está a desenvolver na Cámara. O seu partido transmite "felicidade" por "tela recuperada logo de darnos un exemplo de esforzo, de loita e de resistancia". "Grazas ao traballo da sanidade pública", agrega a formación que encabeza José Ramón Gómez Besteiro.
Dous maxistrados da Audiencia da Coruña apártanse dos recursos contra a sentenza de Angrois porque interviñeron xa no caso durante a instrución. Ángel Pantín Reigada e José Gómez Rey emitiron diversos autos durante a investigación do accidente polo que agora non poderán revisar a condena ao maquinista e o cargo de Adif. Diversas partes xa daban por descontada esta abstención, que podería demorar aínda máis a resolución pola necesidade dos novos maxistrados ou maxistradas de estudar a fondo un caso tan complexo.
O Consello de Ministros aproba a lei para reducir a xornada laboral a 37 horas e media semanais e remítea ao Congreso, onde o Goberno de España terá que procurar votos para sacala adiante. "Trátase de baixar a xornada por lei para que este dereito chegue onde a negociación colectiva non chega, como camareiros cuxa xornada media é de 39,4 horas; caixeiras e dependentas que traballan máis de 39 horas ou agricultores e persoas coidadoras, con 38,6 horas", sinala a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz. Esta aprobación en segunda volta do Consello de Ministros completa o trámite iniciado co anteproxecto da lei o pasado febreiro. [Imaxe: Ministerio de Traballo]