A Xunta di que publicará este venres as datas dos exames de 35 oposicións distintas que se celebrarán en xuño, xullo e outubro. Son máis de 900 prazas para as que están inscritos máis de 40.000 aspirantes.
Fálase
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego aumentaron en 2.826 durante o mes de xaneiro (+1,99% e na media estatal, +2,49%) e quedan en 145.048, o que supón 8.884 menos que en xaneiro de 2022 (-5,77% en Galicia e -6,87% na media do Estado). No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social caeu en 11.525 persoas, o que deixa a cifra total en 1,03 millóns. É un descenso mensual da afiliación do -1,11% (-1,06% na media estatal) e a cifra supera en 8.784 a poboación afiliada doce meses antes (+0,86% en Galicia, +2,31% no Estado).
No centenario do pasamento de Manuel Murguía, o Concello da Coruña e a RAG instalaron no cemiterio de Santo Amaro unha placa conmemorativa coa cita "o primeiro é o noso idioma. El prométenos o porvir que procuramos", extractada do discurso do homenaxeado nos Xogos Florais de Tui. A alcaldesa, Inés Rey, destacou que "A Coruña sempre foi berce do máis fondo e verdadeiro galeguismo. A celebración do centenario de Murguía non podía ter o seu xerme noutro lugar diferente"
Pedro Sánchez reprocha a Feijóo que esixa "independencia" de RTVE mentres continúan na CRTVG as mobilizacións de persoal pola "descarada manipulación informativa". O presidente do Goberno de España sinalouno durante a súa comparecencia no Senado, do que o ex-presidente e actual líder do PP é membro por designación do Parlamento de Galicia.
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, anuncia un acordo cos sindicatos para subir o salario mínimo a 1.080 euros este ano 2023, o que supón un incremento dun 8% a respecto do actual. Díaz salienta que se trata dun día "moi importante" e que co acordado o Goberno de España cumpre "un dos grandes compromisos da lexislatura: alcanzar polo menos o 60% do salario medio". O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, tamén vén de referirse a este aumento no Salario Mínimo Interprofesional (SMI) na súa comparecencia no pleno do Senado para detallar as medidas que está a levar a cabo o seu Executivo.
O PSOE lanza unha modificación da lei de liberdade sexual tras as reducións de condenas previas derivadas da súa aplicación. Segundo informa infoLibre, socialistas e Unidas Podemos procuran un acordo rápido con "retoques" á alza das penas mínimas que evite un desgaste profundo da coalición de Goberno no inicio do ciclo electoral
O ex-delegado da Xunta na Coruña e ex-director xeral de Xuventude Ovidio Rodeiro volverá ser candidato do PP en Boqueixón, onde xa foi alcalde. Actualmente é deputado no Parlamento de Galicia.
Dimite como deputado do PSOE Odón Elorza, ex-alcalde de Donostia, figura clave para que os socialistas mudasen de postura e aceptasen unha investigación política do accidente de Angrois. Elorza di constatar que as súas iniciativas parlamentarias “xa non resultan útiles desde hai un tempo ao Grupo Socialista”.
O Panteón de Galegos Ilustres acolleu este domingo un acto polo 137 aniversario do nacemento de Castelao. Ao acto, organizado polo Partido Galeguista, asistiron representantes de diversas institucións e formacións políticas. Nel, o presidente do Parlamento anunciou o acordo de todas as forzas parlamentarias para organizar proximamente unha homenaxe a Castelao na súa condición de presidente do Consello de Galiza, tal e como solicitaran o propio PG e outras entidades [Imaxe: Parlamento de Galicia]
O Burela gaña a súa quinta Supercopa de fútbol sala feminino, cuarta consecutiva, tras gañar ao Melilla 4-1.
- HEMEROTECA (Marzo 2022) | A Mariña e Burela seguen presumindo de equipo feminino: once títulos consecutivos