O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude abre a porta a "unha actualización" do Plan Xeral de Normalización da Lingua no seu vixésimo aniversario e arrefría a posibilidade de reformular o "decreto do plurilingüismo". Nunha entrevista na Radio Galega, José López Campos mantén que o Goberno galego está aberto a un acordo sobre un novo PXNLG "para establecer condicións máis favorables" ao "uso diario" do galego "en todos os ámbitos" e di estar disposto a "escoitar" opinións sobre o decreto do ensino, se ben considera que "no ámbito educativo, o modelo lingüístico funcionou" e "o debate non está na rúa". Na imaxe, López Campos o pasado día 16 na entrega dos premios 'Dígocho eu' da CRTVG.
