O Congreso dos Deputados aproba definitivamente a Lei de Amnistía e levanta así o veto imposto polo PP no Senado. A votación, realizada mediante o sistema público por chamamento, saíu adiante por maioría absoluta con 177 votos a prol e 172 en contra. Na imaxe [© Congreso], un intre do pleno.
Fálase
Alberto Pazos (PP), Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG) conformarán a delegación do Parlamento que volverá defender no Congreso o 11 de xuño o traspaso da AP-9 a Galicia. Así o vén de aprobar o pleno da Cámara galega. A lei do traspaso tivo que reiniciar o seu percorrido nas Cortes tras caducar por mor das eleccións xerais do pasado ano. Na anterior ocasión a delegación galega estivera conformada por Diego Calvo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero.
- HEMEROTECA | O Parlamento insiste coa petición unánime do traspaso da AP-9 frustrado xa dúas veces pola lentitude do Congreso
- HEMEROTECA | A caducidade da lei da AP-9 precipita o récord de catro lexislaturas galegas sen ningunha nova competencia
- HEMEROTECA | O Congreso aproba por ampla maioría volver tramitar a lei para traspasar a AP-9 a Galicia
A Federación Galega de Fútbol asegura prever que a selección feminina tamén volva xogar "antes de que remate o ano". Así o transmitiu á Plataforma Vía Galega, nunha xuntanza na da organización coa entidade federativa ao fío do Galicia - Panamá do vindeiro venres. "Ante a nosa preocupación por non ter fixado ningún partido da selección feminina de fútbol afirmaron que non fora posíbel polo calendario dalgunhas xogadoras, mais comprometéronse a que antes de rematar o ano a nosa selección feminina terá partido internacional", explican. Vía Galega promove unha manifestación pola oficialidade das seleccións galegas antes do partido do venres en Balaídos (18h30, Praza de América) [Imaxe: Vía Galega]
Rueda dá conta nun foro de La Voz de Galicia patrocinado por Abanca do cumprimento das medidas que prometeu para os primeiros cen días do seu segundo goberno. O presidente da Xunta apela, dous días despois da manifestación contra Altri, a "aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas industrias". [Imaxe: Xunta de Galicia]
A nova edición de Acampa Coruña incluirá un memorial en lembranza da infancia asasinada en Gaza, ademais da recreación dun campo de persoas refuxiadas. O encontro internacional, que se celebrará na cidade herculina do 7 ao 9 de xuño, presentou o seu programa, que inclúe un minuto de silencio -o domingo 9 ás 12 nos Xardíns de Méndez Núñez- como repulsa ás accións do exército israelí, que asasinou xa 15 mil nenos e nenas.
9X | A CRTVG emite a partir das 10 desta mañá o seu debate polas eleccións europeas. Nel participan Nicolás González Casares (PSdeG), Francisco Millán Mon (PP), Ana Miranda (BNG), Juan Díaz Villoslada (Sumar) e Javier Nart (Ciudadanos). En anteriores convocatorias electorais, o director xeral dos medios públicos, Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu programar os debates electorais ás 10 da mañá e non en horario de máxima audiencia -como si fai a corporación nas eleccións galegas- para "comezar o día construíndo a axenda da actualidade" e que "os galegos e galegas sexan os primeiros en coñecer a opinión dos seus representantes".
- Resaca das galegas e tentación estatal nunhas eleccións europeas transcendentais
- Europeas 9X: xa están aquí (e poden pactar entre eles)
- 37 anos de eleccións europeas en Galicia: alta abstención e sorpresas nunha cita que ata 2019 dominou o PP
- HEMEROTECA | A CRTVG defende os debates electorais ás 10 da mañá e sinala baixa audiencia dos emitidos á noite noutras canles
O DOG publica os decretos que establecen as estruturas das consellerías do novo Goberno galego saído das eleccións do 18 de febreiro.
Ás 12 está previsto o inicio en Palas de Rei da manifestación contra o proxecto de celulosa de Altri, convocada pola Plataforma Ulloa Viva baixo o lema 'Dende a Ulloa ata a Ría, terra auga e aire son vida'. A marcha comezará no Polígono industrial e rematará na Praza da Feira. Ao longo da mañá rexistráronse importantes retencións nas estradas que levan a Palas e ao paso por vilas como Melide. Foto: @bngboiro
Morre un bombeiro en Vigo tras o derrubamento dun edificio no que estaba a realizar unha revisión rutineira na Avenida de Beiramar. O traballador, de 49 anos, levaba dúas décadas no corpo de bombeiros da cidade. O Concello de Vigo decretou dúas xornadas de loito.
O Festival de Cans chega á súa intensa derradeira xornada, que contará coa presenza de David Trueba e os concertos de Su Garrido Pombo, Grande Amore, Nat Simons, Escuchando Elefantes e The Rapants e na que se entregarán os premios do certame.
Este venres a protagonista foi María Vázquez, que deixou a súa pegada no Torreiro das Estrelas e recibiu o Premio Pedigree de Honor. A actriz galega estivo acompañada pola vicepresidenta Yolanda Díaz e polo ministro de Cultura, Ernest Urtasun.