A folga nos medios públicos leva 31 xornadas impedindo a emisión do programa externalizado O Termómetro da TVG. Este venres as traballadoras e traballadores mobilizados farán un paro de 24 horas para tratar de afectar á programación completa da televisión e da Radio Galega, coincidindo co último programa contratado d'O Termómetro. A folga quedará en suspenso, pendente de reactivación á volta do Nadal, se "a dirección non dá sinais de recuperación da produción propia", manifesta o comité de folga da CRTVG. Ademais, o comité intercentros convoca unha concentración de protesta na compostelá Praza do Toural este venres ás 12h, aberta á cidadanía, "para divulgar nas rúas a grave situación que atravesan os medios públicos".
