Centos de traballadores de ambulancias marchan por Santiago para reclamar un "convenio digno". CIG, CCOO, UGT e USO reclaman melloras nos salarios ligadas ao IPC e acusa a patronal de "paralizar" as negociacións. Foto: CCOO Galicia.
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/uploads/f01eurjwcae9mur-328aa32.jpeg)
Centos de traballadores de ambulancias marchan por Santiago para reclamar un "convenio digno". CIG, CCOO, UGT e USO reclaman melloras nos salarios ligadas ao IPC e acusa a patronal de "paralizar" as negociacións. Foto: CCOO Galicia.
IPC | A inflación segue a conterse e o incremento interanual dos prezos en xuño en Galicia foi do 1,5% interanual, catro décimas menos que a media estatal e 1,3 puntos menos que en maio. O prezo dos alimentos, non obstante, está un 9,7% por riba do de hai un ano e na media estatal, un 10,2%.
Italia e os afeccionados do Inter renden a última homenaxe a Luís Suárez, mito galego do fútbol mundial, falecido o pasado domingo. O funeral polo coruñés tivo lugar na na parroquia de San Giuseppe Calasanzio, no barrio de San Siro, ao pé do estadio onde máis triunfou. Foto: imaxe da retransmisión ao vivo do funeral por parte do diario Corriere della Sera.
O Consello de Ministros aproba retirar a medalla do mérito ao traballo a Franco e outros oito dirixentes da ditadura, entre eles o ministro Fernández Ladreda, que foi tamén director da fábrica de armas da Coruña tras o golpe de 1936. A retirada próducese ao abeiro da Lei de Memoria Democrática e a vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, subliña que o "único traballo" destas persoas foi "violar os dereitos humanos e pisar a democracia". O PP inclúe no seu programa das eleccións do 23X a promesa de derrogar a lei de memoria democrática, que tamén implica a fin doutras honras coma o condado de Fenosa ou o señorío de Meirás. [Imaxe: © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa]
O Banco Central Europeo lanza unha consulta pública para que a cidadanía opine sobre os novos deseños dos billetes de euro, que se acompaña dun vídeo da presidenta da entidade, Christine Lagarde. Entre as sete opcións propostas están unha selección de paxaros, o curso dun río que atravesa distintos lugares do continente ou unha sucesión de imaxes que representan os "valores europeos", segundo o BCE, dende a educación e o coñecemento ata a democracia e a igualdade.
O acto institucional do Concello de Santiago polo Día Nacional titularase Alba de Compostela, evocando o emblemático discurso Alba de Groria de Castelao, e "renderá homenaxe a persoas ou institucións que constrúen cidade todo o ano", avanza a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín (BNG). Celebrarase no Pazo de Raxoi, sede do consistorio -na imaxe-. Os grupos municipais de PP e PSdeG critican a convocatoria e afean que a rexedora non acuda á misa da ofrenda da Casa Real ao Apóstolo na Catedral.
O Ministerio de Industria acorda con Altri "axustar o proxecto" da fábrica de fibras téxtiles que a compañía portuguesa prevé en Palas de Rei "aos criterios e esixencias da UE" para que "poida obter financiamento". O ministro, Héctor Gómez, revela que a pasada semana se reuniu en Lisboa con "altos representantes" da compañía de celulosa do país veciño, xuntanza que encadra nos encontros que vén celebrando "con compañías interesadas en acudir á futura convocatoria do PERTE da Descarbonización". O delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, subliña ante as recentes protestas da Xunta ao respecto que "o Goberno galego sabe que o proxecto, tal e como eles o presentaron inicialmente, e como xa dixemos, non se axustaba aos criterios esixidos pola Unión Europea".
A ex-conselleira Teresa Táboas, nova vicepresidenta da Unión Internacional de Arquitectura. Táboas, membro do Goberno de coalición PSdeG-BNG (2005-09) como titular da Consellería de Vivenda e Solo, responsabilidade do Bloque, xa era membro do Consello deste organismo internacional. O pasado 2022 conversamos con ela aproveitando a súa participación na Placemaking Week Europe, que se celebrou en Pontevedra e en 2021, ao fío dos 40 anos da autonomía. Na imaxe, Teresa Táboas nunha conferencia no ciclo Urbtopías [© Lamarela / Urbtopías]
PP e Vox a un escano da maioría, segundo a enquisa de Sondaxe para as eleccións xerais do 23 de xullo publicada por La Voz de Galicia este domingo. A enquisa outorga en Galicia 13 deputados e deputadas ao PP, 7 para o PSdeG, 2 para BNG e 1 para Sumar Galicia.
Falece aos 88 anos o coruñés Luís Suárez Miramontes, o único xogador de fútbol español que gañou un Balón de Ouro na categoría masculina. Comezou no Dépor con dezaoito anos, pero converteuse en mito do fútbol no Barça e mais no Inter de Milán, onde gañou varias Copas de Europa e Intercontinentais, ademais de varias Ligas. Gañou a Eurocopa en 1964 con España compartindo equipo con Amancio Amaro, que tamén faleceu este ano. Aquí repasaba a súa carreira en primeira persoa desde o Camp Nou aos 84 anos. [Foto © FC Barcelona]