Falece Gastón, o popular tiburón do Aquarium Finisterrae da Coruña. A alcaldesa da cidade, Inés Rey, confirma a noticia e agradece ao equipo dos museos científicos "o seu coidado e dedicación". O pasado febreiro a casa dos peixes celebrou o vixésimo aniversario da súa chegada dende o acuario de Brest e tamén os seus trinta anos de vida con varias actividades, coma este vídeo. [Imaxe: © Concello da Coruña]
Fálase
O PP asina en Andalucía un novo bipartito con Vox. Juan Manuel Moreno Bonilla é reelixido presidente da Junta tras pechar un pacto coa extrema dereita que, como nas outras autonomías con coalicións entre ambos partidos, inclúe promesas de discriminación no acceso aos servizos públicos para as persoas migrantes ou deixar de dedicar a fondos a medidas contra o cambio climático, entre outras. O presidente andaluz rexeitara durante a campaña a posibilidade de incluír os de Abascal no seu Executivo. [Foto: PP andalucía | Montaxe: Praza.gal]
A Xunta amplía a alerta vermella por altas temperaturas a 138 concellos para este venres. A previsión é que a situación de altas temperaturas se manteña en toda Galicia, co que as alertas permanecerán activas por posibles efectos adversos para a saúde durante varios días.
A Celtic Cup U17 de fútbol gaélico trasládase de Santiago a Xove a causa da alerta por calor. A Asociación Galega de Fútbol Gaélico explica que o sábado, día da competición, "Compostela podería chegar aos 38 ºC segundo os datos da Aemet", cunha "alerta vermella por altas temperaturas" que obrigou ao "súbito cambio". A nova localización no concello mariñao, explican, "permitirá o xogo, cun clima suavizado pola brisa costeira e con máximas arredor dos 23 ºC grados.". Nesta cita, concibida para "dar visibilidade ás novas promesas do fútbol gaélico" participan as seleccións de Galicia, Francia e Alemaña e varios clubs irlandeses: St Michael’s GAC, Naomh Pádraig GAC, St Sylvester's, Kilmacud Crokes, Skerries Harps e Na Piarsaigh Doiretrasna
Pedro Blanco confirma que aspira a ser candidato do PSdeG á alcaldía de Santiago. O delegado do Goberno de España en Galicia ratifica que participará nas primarias do partido, nas que di aspirar a "devolver a ilusión aos socialistas" e "construír un proxecto de cidade".
O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz imputa a directora xeral da Garda Civil, Mercedes González, e mais ao director adxunto operativo do Instituto Armado, Manuel Llamas, no chamado caso Leire. A Fiscalía pedira citalos a ambos como investigados porque a ex-militante socialista, presuntamente, contactou coa directora da Garda Civil no marco de supostas manobras contra investigadores do propio corpo. Na imaxe, a sede da Audiencia Nacional.
O paro rexistrado baixou en Galicia en 3.587 persoas en xuño, un descenso do 3,3% que foi o maior de todas as comunidades autónomas. O número de persoas non ocupadas na procura dun emprego queda en 105.768 segundo os datos publicados este xoves polo Ministerio de Traballo e Economía Social. Creáronse 11.166 empregos, o que supón un incremento das afiliacións dun 1%.
O DOG fai oficiais os festivos de ámbito galego de 2027: a Xunta elixiu o 19 de marzo, día de San Xosé, para remudar o 25 de xullo por cadrar o Día Nacional de Galicia en domingo. Do mesmo xeito, volve ser festivo o Día das Letras Galegas, 17 de maio, substituíndo no calendario laboral ao 15 de agosto, que tamén cadra en domingo. Estas datas engádense aos días festivos de ámbito estatal e ás dúas xornadas non laborables que selecciona cada concello. [Imaxe: CC BY Nick Hillier / Unsplash]
A Xunta activa alertas por calor en 79 concellos, dezasete deles en nivel vermello, para este xoves, 2 de xullo. Sanidade advirte de que "a previsión é que a situación de altas temperaturas se manteña en toda Galicia, co que as alertas permanecerían activas por posibles efectos adversos para a saúde durante varios días.
Feijóo volve alimentar as teorías da fraude electoral, desta volta a conta das inscricións no Censo de Residentes Ausentes (CERA) para o que el mesmo defendeu como presidente da Xunta restar controis de seguridade. As últimas eleccións celebradas en Galicia, as galegas de 2024, foron as primeiras dende a reforma do voto emigrante que eliminou o sufraxio rogado -solicitude previa para votar para evitar a fraude- pero engadiu novos controis. Como en anteriores convocatorias, o CERA apoiou masivamente aos populares. Na imaxe, o ex-presidente e actual líder estatal do PP, nunha comparecencia recente ante a prensa no Congreso [© PP]
- HEMEROTECA | O voto CERA de Ourense non cambia a distribución de escanos do 18F
- HEMEROTECA | Feijóo alimenta as teorías da fraude no voto por correo na fin do prazo para solicitalo
- HEMEROTECA | Feijóo executa contra PSOE e Podemos o manual de asedio que estreou fronte á coalición de esquerda na Xunta
- HEMEROTECA | O retorno das pantasmas do “voto emigrante”, por Anxo Lugilde