O paro rexistrado baixou en Galicia en 3.587 persoas en xuño, un descenso do 3,3% que foi o maior de todas as comunidades autónomas. O número de persoas non ocupadas na procura dun emprego queda en 105.768 segundo os datos publicados este xoves polo Ministerio de Traballo e Economía Social. Creáronse 11.166 empregos, o que supón un incremento das afiliacións dun 1%.
Fálase
O DOG fai oficiais os festivos de ámbito galego de 2027: a Xunta elixiu o 19 de marzo, día de San Xosé, para remudar o 25 de xullo por cadrar o Día Nacional de Galicia en domingo. Do mesmo xeito, volve ser festivo o Día das Letras Galegas, 17 de maio, substituíndo no calendario laboral ao 15 de agosto, que tamén cadra en domingo. Estas datas engádense aos días festivos de ámbito estatal e ás dúas xornadas non laborables que selecciona cada concello. [Imaxe: CC BY Nick Hillier / Unsplash]
A Xunta activa alertas por calor en 79 concellos, dezasete deles en nivel vermello, para este xoves, 2 de xullo. Sanidade advirte de que "a previsión é que a situación de altas temperaturas se manteña en toda Galicia, co que as alertas permanecerían activas por posibles efectos adversos para a saúde durante varios días.
Feijóo volve alimentar as teorías da fraude electoral, desta volta a conta das inscricións no Censo de Residentes Ausentes (CERA) para o que el mesmo defendeu como presidente da Xunta restar controis de seguridade. As últimas eleccións celebradas en Galicia, as galegas de 2024, foron as primeiras dende a reforma do voto emigrante que eliminou o sufraxio rogado -solicitude previa para votar para evitar a fraude- pero engadiu novos controis. Como en anteriores convocatorias, o CERA apoiou masivamente aos populares. Na imaxe, o ex-presidente e actual líder estatal do PP, nunha comparecencia recente ante a prensa no Congreso [© PP]
- HEMEROTECA | O voto CERA de Ourense non cambia a distribución de escanos do 18F
- HEMEROTECA | Feijóo alimenta as teorías da fraude no voto por correo na fin do prazo para solicitalo
- HEMEROTECA | Feijóo executa contra PSOE e Podemos o manual de asedio que estreou fronte á coalición de esquerda na Xunta
- HEMEROTECA | O retorno das pantasmas do “voto emigrante”, por Anxo Lugilde
A Xunta rexeita por "insuficiente" a reforma estatal da Dependencia que duplica os fondos para Galicia. Nunha xuntanza co Ministerio de Dereitos Sociais e as demais autonomías -na imaxe-, a conselleira Fabiola García sostén que "non chegará a cubrir o 40% dos custos" mentres que o ministerio que encabeza Pablo Bustinduy sostén que o novo sistema permitirá chegar a que o Goberno de España sufrague ata o 50%. [Imaxe: CC BY-SA Xunta]
Cinco Medallas Castelao para a representación da “Galicia actual”. O presidente da Xunta fixo entrega das Medallas Castelao 2026 ao músico Esteban Batallán Cons, á científica Mar Capeáns Garrido, ao atleta Adrián Ben, á propietaria dos restaurantes La Penela, María Barallobre, e á Fundación Andrea. “Cinco persoas que constitúen unha extraordinaria representación da Galicia actual, con todo o que traemos do pasado e con todo o que temos cara ao futuro”, segundo subliñou Rueda.
[Foto: David Cabezón/Xunta]
O orgullo combativo toma as rúas galegas contra o odio. "Con Franco non viviamos mellor", “que si, que temos raiba, pero non temos medo” ou “o corpo non binario é revolucionario” foron algunhas das consignas que se puideron ler e escoitar este sábado nas manifestacións do Orgullo, celebradas en Ferrol, Vigo e Pontevedra. Nesta xornada de domingo as reivindicacións do colectivo LGTB+ continuarán en Santiago, A Coruña, Ourense e Lugo.
Morre unha muller na residencia de Bóveda logo de ser agredida por outra usuaria. Unha interna da residencia para persoas con grandes discapacidades físicas de Bóveda (Lugo) morreu nos pasados días a consecuencia dunha agresión presuntamente cometida por outra usuaria do centro. A Garda Civil investiga o caso e o Xulgado de Instrución de Monforte ten aberto un procedemento para esclarecer os feitos. A Consellería de Política Social e Igualdade sinalou que mantivo contacto co centro e co alcalde de Bóveda desde o primeiro momento para solicitar toda a información dispoñible
O proxecto de SAIC en Ferrol prevé crear mil postos de emprego directo, cun impacto no conxunto de Galicia de 2.000 empregos en total. Dos mil postos de traballo directos, 460 estarán relacionados coas operacións loxísticas e 540 coas produtivas. A Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético somete a información pública o proxecto e o estudo de impacto ambiental do complexo industrial para a produción e distribución de vehículos eléctricos e híbridos, como recolle o DOG deste venres. Na imaxe, plano das instalacións que a compañía chinesa prevé erguer no porto exterior de Ferrol, incluído na documentación exposta.
Comisións Obreiras ratifica que abandona as negociacións do diálogo social coa Xunta: "Pretendía empregalo como foto de fachada mentres utiliza as baixas médicas para satisfacer os intereses da patronal", salienta a secretaria xeral do sindicato no marco do seu Consello Nacional -na imaxe-, que aprobou por unanimidade a decisión. O Goberno galego, lamentan, "baleirou de contido este espazo ata convertelo nun escaparate de propaganda" e Comisións, agrega, só valorará regresar a "unha mesa entre iguais e con respecto mutuo". Só UGT permanece nesas conversas, ás que a CIG xa non se sumara de inicio.
- Sintonía patronal coa campaña da Xunta contra o persoal de baixa
- O plan contra as baixas segue: o novo protocolo da Xunta con máis poder para as mutuas xa é oficial
- O Sergas recorta o soldo de médicos de familia con pacientes coas baixas laborais máis longas
- A marcha de CCOO deixa un só sindicato na mesa da Xunta sobre as baixas