Xabier Deive recibe a título póstumo o Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices. "Con este galardón -explica a AAAG- distínguese a traxectoria do desaparecido actor ao tempo que se celebra a súa dimensión humana e o gran cariño que sentía e segue a sentir tanto a profesión escénica como o público polo intérprete". A asociación entrega este premio honorífico no marco dos seus galardóns anuais, os María Casares. "A AAAG non concibe a concesión deste galardón como unha despedida nin como un epílogo, senón como unha celebración plena e agarimosa da figura de Xabier Deive", falecido en xullo de 2024. Será "un festexo colectivo da persoa, do intérprete e do compañeiro", agregan. [Imaxe: © AAAG]
