O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu este sábado á celebración eucarística na que tomou posesión como arcebispo de Santiago o ourensán Francisco José Prieto, que substitúe a Julián Bario. [Foto © Conchi Paz/Xunta]

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu este sábado á celebración eucarística na que tomou posesión como arcebispo de Santiago o ourensán Francisco José Prieto, que substitúe a Julián Bario. [Foto © Conchi Paz/Xunta]
Esgótase o orzamento de 2,5 millóns de euros do Bono Activa Comercio da Xunta. Os bonos levaban tres semanas activos e, segundo o Goberno galego, contribuíron a "mobilizar preto de 12,5 millóns de euros en vendas nos máis de 7.000 establecementos" adheridos nesta edición, que como novidade non limitou o número de usuarios que podían descargar os bonos, senón que desactiva a súa validez unha vez esgotado o importe total dos descontos.
O coordinador nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón, traslada que a líder estatal de Podemos, Ione Belarra, conta coa súa "confianza" para artellar "unha candidatura ampla que interpele a máxima cantidade de xente posible" cara ás eleccións do 23 de xullo. "Poñemos en marcha a maquinaria a disposición do que vén", afirmou tras a celebración do Consello Cidadán Galego para analizar os resultados do 28M.
28M | Goretti Sanmartín despexa a súa investidura como nova alcaldesa de Santiago tras confirmar Compostela Aberta (2 edís) que tamén dará o seu "si" á elección da candidata do BNG (6 edís), despois de que no inicio das negociacións o PSdeG (6 edís) tamén avanzase o seu voto afirmativo. Na primeira xuntanza entre ambas forzas -na imaxe-, a formación municipalista que encabeza María Rozas resaltou que a súa asemblea abordará a vindeira semana a posibilidade de negociar ser parte do novo goberno local. "A intención é que entren a formar parte do goberno local, que queremos que sexa amplo, estábel, unido e sólido, para comezar a traballar o máis rápido posíbel", resalta Sanmartín.
A única edil do PSdeG en Sada deixa no aire o goberno de esquerda en Sada ao postularse para alcaldesa e non apoiar a Sadamaioría, a forza máis votada. Almudena Pena, candidata socialista, insiste en reclamar a alcaldía malia que é a representante no consistorio con menor apoio.
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego diminuíron en 4.909 durante o mes de maio en Galicia (-3,52%, fronte ao -1,77% na media estatal) e quedan en 134.434, o que supoñen 11.686 menos que un ano antes (-8,00% en Galicia, -6,29% na media). A afiliación media á Seguridade Social aumentou no mesmo mes en 8.770 persoas (+0,84% e na media,+0,97%) e chega aos 1,06 millóns, a cifra máis alta dende novembro de 2008 e que supón 18.337 máis que no mesmo mes do ano anterior, un avance interanual en Galicia do 1,76%, por baixo da media estatal do 2,88%.
#28M Formoso remite aos resultados das negociacións co BNG a concreción dos pactos de goberno nos concellos e deputacións e tamén posibles acordos a respecto de Ourense, onde "o PSdeG non vai negociar nada con Jácome", mantén malia á postura da dirección provincial do partido. No marco da celebración da súa Comisión Executiva Nacional -na imaxe-, o secretario xeral do PSdeG ratifica que a súa intención é pechar un "acordo marco" co Bloque coas liñas xerais para os pactos nas institucións onde poden sumar maiorías e "tamén compartir reflexións con esta formación sobre o futuro de Ourense".
O Parlamento reitera por unanimidade a solicitude para que o Goberno de España traspase a Galicia as competencias en materia de saúde penitenciaria. A Cámara insta a Xunta a que reclame esta transferencia para que as persoas reclusas nos centros penitenciarios galegos sexan atendidas polo Sergas. "Esta transferencia debe estar acompañada dos medios humanos, económicos e materiais necesarios, atendendo á suficiencia dinámica para a prestación do correspondente servizo", recolle a proposición a proposta do BNG aprobada este xoves.
A galega Marta Lois, presidenta de Sumar. A ex-concelleira de Compostela Aberta e profesora da USC figura como presidenta da plataforma impulsada por Yolanda Díaz, inscrita no rexistro de partidos políticos como Movimiento Sumar.
Vólvese adiar o xuízo penal de Baltar por conducir un coche oficial a 215 por hora, desta volta pola folga do persoal da Xustiza. O presidente da Deputación de Ourense estaba citado este mércores ás 10 da mañá nun xulgado do Penal de Zamora acusado de delito contra a seguridade viaria tras lograr previamente adiar a vista a despois das eleccións do pasado domingo. Polo momento aínda non hai nova data.