28M | Goretti Sanmartín despexa a súa investidura como nova alcaldesa de Santiago tras confirmar Compostela Aberta (2 edís) que tamén dará o seu "si" á elección da candidata do BNG (6 edís), despois de que no inicio das negociacións o PSdeG (6 edís) tamén avanzase o seu voto afirmativo. Na primeira xuntanza entre ambas forzas -na imaxe-, a formación municipalista que encabeza María Rozas resaltou que a súa asemblea abordará a vindeira semana a posibilidade de negociar ser parte do novo goberno local. "A intención é que entren a formar parte do goberno local, que queremos que sexa amplo, estábel, unido e sólido, para comezar a traballar o máis rápido posíbel", resalta Sanmartín.
