Feijóo atribúe a Pedro Sánchez un "acoso brutal contra o dereito á información e á liberdade de expresión". Nunha entrevista na Radio Galega, o ex-presidente e actual líder do PP acusa o Goberno de España de "censura, control e persecución de xornalistas, medios de comunicación e de xuíces". "Nunca ocorreu en España semellante disparate", agrega sobre as medidas anunciadas por Sánchez na materia, consistentes en boa medida en aplicar o Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación, cuxos aspectos centrais son de obrigado cumprimento en toda a UE a partir do vindeiro verán. A plataforma Defende a Galega sinala que Feijóo fale "tan tranquilo" de "defender o dereito á información nos medios públicos galegos". "Precisamente el!", ironizan.
