Nais e pais do CEIP Virxe da Luz de Portomarín, alumnado do centro e veciñanza da localidade concentráronse diante do albergue de peregrinos da Xunta de Galicia cortando o acceso ao mesmo durante preto dunha hora para protestar contra o "recorte de profesorado" levado a cabo no colexio. Denuncian que a pesar de ter un incremento de matrícula, a Consellería "vén de quitarlle un profesor ao centro" ao non cubrir a vacante da especialista de inglés; agrupándose o alumnado de Primaria de tres cursos: 1º, 2º e 3ª nunha clase; e 4º, 5º e 6º noutra. “Mirar polo Camiño si, pero tamén polos veciños” foi o berro máis escoitado
Fálase
A Xunta anuncia que a normativa para que o Concello de Santiago teña a "habilitación legal" necesaria para aplicar unha taxa turística estará lista "a partir do 1 de xaneiro". Este marco regulatorio, que permitirá aos concellos a xestión deste tributo, terá que ser aprobado antes polo Parlamento. "O Goberno autonómico non se opón á implantación da taxa na cidade de Santiago sempre e cando resolva os problemas que o Concello asegura ter por mor da actividade turística", dixo o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, nunha reunión coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Turismo, Míriam Louzao [na imaxe, CC-BY-SA Xunta].
- HEMEROTECA | A Xunta ábrese á implantación dunha taxa turística en Santiago que o PP sempre rexeitara
- HEMEROTECA | O goberno de Santiago frea as tendas de recordos para dar aire ao comercio tradicional
- HEMEROTECA | O Grove únese ao debate sobre a aplicación dunha taxa turística, que reclama para soster a prestación de servizos públicos
MeteoGalicia advirte de que a calidade do aire en Vigo é 'mala' ou 'moi mala' como consecuencia do fume que chega dos incendios que dende hai días se están a producir en Portugal. A estación de Coia rexistra niveis moi elevados de partículas PM25 e tamén as estacións de Lope de Vega e Balaídos rexistran valores elevados de partículas contaminantes, informa Europa Press. Os niveis mesmo poderían incrementarse pola tarde por mor da chegada de masas de aire procedentes de África. Nestes lugares recoméndase -especialmente ás poboacións de risco- evitar a realización de actividades no exterior.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) non seguirá o trámite "acelerado" para abordar a cuestión sobre os eólicos que lle formulou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pero si lle dará "prioridade" pola "natureaza do asunto". O alto tribunal galego solicitou o TXUE que determine se a Xunta debeu poñer a disposición do público interesado (non só dos promotores) os informes sectoriais sobre parques eólicos para que puidese, no seu caso, formular alegacións e participar no proceso de toma de decisión sobre as autorizacións dos proxectos antes de que fosen aprobados. O auto do TXUE resolve que, "tendo en conta o asunto e a importancia das cuestións que expón", lle dará "prioridade sobre os demais". [Na imaxe, parques eólicos en montes galegos CC-BY-SA Praza Pública]
- O TSXG suspendeu xa 59 parques eólicos en 71 concellos e a Xunta critica a súa "determinación"
- HEMEROTECA | Tampouco ao sur da serra do Faro caben máis eólicos: a Xunta admite que tamén esta zona "xa ten superada a capacidade de carga"
- HEMEROTECA | "Non é moi equitativo culparnos": a defensa do TSXG ante a acusación de demorar eólicos que levan unha década en tramitación
Ana Peleteiro anuncia que volve a Galicia para adestrar. A atleta ribeirense, que non acadou os resultados que desexaba na última cita olímpica, preparará as vindeiras competicións xunto a Benjamin Compaoré, o atleta francés co que casou o ano pasado e co que tivo unha filla. Peleteiro asegura que despois de trece anos lonxe da casa tomou a decición de volver o seu "fogar". "A miña mente estaba pedindo un cambio, unha nova motivación, novos obxectivos, novos retos", explica, para salientar que "agora que en Ribeira temos unhas infraestruturas de alto rendemento creo que é o mellor momento para apostar polo meu compañeiro de vida unha vez máis, neste caso como entrenador". [Na imaxe, Ana Peleteiro celebrando a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Toquio © Miguelez / RFEA]
ENTENDER ou viver? Eis a cuestión, escribiu Luísa Villalta en Ruído (1995). O Consello da Cultura Galega acolle este mércores, ás 18.30h, o recital Entender ou vivir, no que Xosé María Álvarez Cáccamo, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Francisco Fernández Naval, Míriam Ferradáns, Chus Pato, Henrique Rabuñal, Román Raña, Xurxo Souto, Marga do Val e Miro Villar dialogan coa obra da poeta homenaxeada este ano no Día das Letras. As creacións destas autoras e autores recóllense no libro coordinado por Dolores Vilavedra que dá nome ao recital. O acto poderá seguirse en directo a través do sitio web do CCG. [Imaxe da obra Irmá Luísa, Muller Faro de longa ollada, creada por Ana Pillado Vega]
🔊PODCAST | Fálase: As Letras de Luísa Villalta➡️REPORTAXE | 'Papagaio': o retrato valente dos poemas de Luísa Villalta e as fotografías de Maribel Longueira segue vivo
PP, Vox e Junts frean no Congreso a iniciativa lexislativa para regular os alugueiros de temporada e por cuartos. A proposta foi impulsada por colectivos de inquilinos e rexistrada conxuntamente por Sumar, ERC, EH Bildu, Podemos e BNG e decae por 178 a 172 votos no primeiro trámite parlamentario, o da toma en consideración, polo que non continuará sendo debatida nin haberá posibilidades de emenda. Os grupos propoñentes aseguran, a través de Íñigo Errejón (Sumar) que a formación independentista catalá "chamou tres minutos antes da votación" para anunciar que pasaban ao "non", sen marxe para a negociación.
- HEMEROTECA | Nas cidades galegas hai case catro pisos turísticos por cada vivenda de alugueiro dispoñible
- HEMEROTECA | Galicia sumou 193 vivendas no mercado privado por cada novo piso protexido rematado en 2023
- HEMEROTECA | Anatomía do rendismo popular galego: case 200.000 caseiros cunha media de 600 euros mensuais
A Oliveira dos cen anos do Celta, candidata a mellor videoclip nos Grammy Latinos. A montaxe audiovisual da composición que C. Tangana produciu para o club vigués competirá con vídeos de Marc Anthony, Bad Bunny, Leonel García, Mau & Ricky e Residente xunto a Penélope Cruz e Silvia Pérez Cruz, segundo a lista de candidaturas que vén de divulgar a organización dos galardóns. "A lingua galega, a nosa cultura e identidade, as nosas raíces non teñen límites", celebra o Celta. O videoclip do himno do centenario do Celta xa levou o pasado marzo o Mestre Mateo nesta categoría.
Jaione Camborda presidirá o xurado da sección oficial do Festival de San Sebastián. A cineasta afincada en Compostela foi a primeira directora do Estado en gañar a Cuncha de Ouro cunha película, O Corno, coa que superou os 50.000 espectadores na súa estrea nas salas de cinema. Tamén participarán no xurado desta edición, que comeza este venres, Leila Guerriero, Fran Kranz, Christos Nikou, Carole Scotta e Ulrich Seidl.
- HEMEROTECA | 'O Corno' estréase en Galicia tras facer historia en Donostia e chega aos cines como un éxito que se sente colectivo
- HEMEROTECA | 'O Corno' e 'Matria' conquistan os Mestre Mateo na noite con máis mulleres premiadas do audiovisual galego
- ENTREVISTA | "Aposto moito por compartir inquedanzas, gústame situarme na pregunta para compartir co espectador"
Teresa Ribera será vicepresidenta e comisaria de Transición Xusta e de Competencia na nova Comisión Europea. A presidenta da CE, Ursula Von der Leyen, vén de anunciar a composición do novo executivo comunitario incluíndo neste posto clave á actual vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica, cabeza de cartel do PSOE nas eleccións europeas do pasado xuño. Von der Leyen especificou que, alén das competencias de transición ecolóxica, semellantes ás que ostenta no Goberno de España, a Ribera lle corresponde tamén "a carteira de Competencia".