Ana Peleteiro anuncia que volve a Galicia para adestrar. A atleta ribeirense, que non acadou os resultados que desexaba na última cita olímpica, preparará as vindeiras competicións xunto a Benjamin Compaoré, o atleta francés co que casou o ano pasado e co que tivo unha filla. Peleteiro asegura que despois de trece anos lonxe da casa tomou a decición de volver o seu "fogar". "A miña mente estaba pedindo un cambio, unha nova motivación, novos obxectivos, novos retos", explica, para salientar que "agora que en Ribeira temos unhas infraestruturas de alto rendemento creo que é o mellor momento para apostar polo meu compañeiro de vida unha vez máis, neste caso como entrenador". [Na imaxe, Ana Peleteiro celebrando a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Toquio © Miguelez / RFEA]
Fálase
ENTENDER ou viver? Eis a cuestión, escribiu Luísa Villalta en Ruído (1995). O Consello da Cultura Galega acolle este mércores, ás 18.30h, o recital Entender ou vivir, no que Xosé María Álvarez Cáccamo, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Francisco Fernández Naval, Míriam Ferradáns, Chus Pato, Henrique Rabuñal, Román Raña, Xurxo Souto, Marga do Val e Miro Villar dialogan coa obra da poeta homenaxeada este ano no Día das Letras. As creacións destas autoras e autores recóllense no libro coordinado por Dolores Vilavedra que dá nome ao recital. O acto poderá seguirse en directo a través do sitio web do CCG. [Imaxe da obra Irmá Luísa, Muller Faro de longa ollada, creada por Ana Pillado Vega]
🔊PODCAST | Fálase: As Letras de Luísa Villalta➡️REPORTAXE | 'Papagaio': o retrato valente dos poemas de Luísa Villalta e as fotografías de Maribel Longueira segue vivo
PP, Vox e Junts frean no Congreso a iniciativa lexislativa para regular os alugueiros de temporada e por cuartos. A proposta foi impulsada por colectivos de inquilinos e rexistrada conxuntamente por Sumar, ERC, EH Bildu, Podemos e BNG e decae por 178 a 172 votos no primeiro trámite parlamentario, o da toma en consideración, polo que non continuará sendo debatida nin haberá posibilidades de emenda. Os grupos propoñentes aseguran, a través de Íñigo Errejón (Sumar) que a formación independentista catalá "chamou tres minutos antes da votación" para anunciar que pasaban ao "non", sen marxe para a negociación.
- HEMEROTECA | Nas cidades galegas hai case catro pisos turísticos por cada vivenda de alugueiro dispoñible
- HEMEROTECA | Galicia sumou 193 vivendas no mercado privado por cada novo piso protexido rematado en 2023
- HEMEROTECA | Anatomía do rendismo popular galego: case 200.000 caseiros cunha media de 600 euros mensuais
A Oliveira dos cen anos do Celta, candidata a mellor videoclip nos Grammy Latinos. A montaxe audiovisual da composición que C. Tangana produciu para o club vigués competirá con vídeos de Marc Anthony, Bad Bunny, Leonel García, Mau & Ricky e Residente xunto a Penélope Cruz e Silvia Pérez Cruz, segundo a lista de candidaturas que vén de divulgar a organización dos galardóns. "A lingua galega, a nosa cultura e identidade, as nosas raíces non teñen límites", celebra o Celta. O videoclip do himno do centenario do Celta xa levou o pasado marzo o Mestre Mateo nesta categoría.
Jaione Camborda presidirá o xurado da sección oficial do Festival de San Sebastián. A cineasta afincada en Compostela foi a primeira directora do Estado en gañar a Cuncha de Ouro cunha película, O Corno, coa que superou os 50.000 espectadores na súa estrea nas salas de cinema. Tamén participarán no xurado desta edición, que comeza este venres, Leila Guerriero, Fran Kranz, Christos Nikou, Carole Scotta e Ulrich Seidl.
- HEMEROTECA | 'O Corno' estréase en Galicia tras facer historia en Donostia e chega aos cines como un éxito que se sente colectivo
- HEMEROTECA | 'O Corno' e 'Matria' conquistan os Mestre Mateo na noite con máis mulleres premiadas do audiovisual galego
- ENTREVISTA | "Aposto moito por compartir inquedanzas, gústame situarme na pregunta para compartir co espectador"
Teresa Ribera será vicepresidenta e comisaria de Transición Xusta e de Competencia na nova Comisión Europea. A presidenta da CE, Ursula Von der Leyen, vén de anunciar a composición do novo executivo comunitario incluíndo neste posto clave á actual vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica, cabeza de cartel do PSOE nas eleccións europeas do pasado xuño. Von der Leyen especificou que, alén das competencias de transición ecolóxica, semellantes ás que ostenta no Goberno de España, a Ribera lle corresponde tamén "a carteira de Competencia".
O Sergas amplía a vacinación contra o virus do papiloma humano a varóns de entre 15 e 18 anos. Ata 2022 a vacina recibíana as nenas aos 12 anos e ese ano tamén comezou a aplicarse a nenos desa idade. Coa nova medida, que comezará a aplicarse este mércores, amplíase a vacinación a nenos que cumpriron esa idade nos anos previos. A Xunta calcula que van ser vacinados uns 27.000 rapaces.
O Comité Intercentros da CRTVG denuncia a desaparición do programa da TVG 'A Revista' e a súa substitución por outro –'O Termómetro'– realizado por unha produtora externa. "Están facéndonos crer que este magazine que empeza hoxe forma parte do departamento de programas e que, polo tanto, non estaría protexido pola protección de externalización dos servizos informativos que –polo menos no papel– ten no artigo 35 a actual leis de medios", salientaron desde a representación do persoal nunha concentración este luns en San Marcos [na imaxe]. "Privatizan o servizo público mentres asistimos á falta de carga de traballo das profesionais da CRTVG, afastadas e castigadas por non someterse ás presións para manipular a información", apuntan desde a CUT.
Pedro Sánchez recibirá a Alfonso Rueda o vindeiro venres, día 20, dentro da rolda de encontros con presidentes e presidentas das comunidades autónomas, que o Goberno de España organizou seguindo a orde de precedencia estatutaria, polo que Galicia vai xusto despois de Euskadi e Catalunya. O presidente da Xunta, que incide en que "leva cinco meses esperando" por esta xuntanza, anunciara para esas datas unha viaxe oficial ao Brasil, que agora "atrasará por ser absolutamente prioritario o encontro", sinala. No anterior encontro entre ambos, no verán de 2022, Sánchez advertira a Rueda do seu "non" ao traspaso das competencias do litoral e amosárase aberto a facilitar a chegada de fondos europeos para o proxecto de Altri, na altura presentado coa fabricación de fibras téxtiles como centro da factoría.
Besteiro afirma que o proxecto de Altri para instalarse en Palas "non lle gusta" e dubida de que poida recibir os 250 millóns de euros públicos que reclama para erguer a fábrica. "Polos parámetros de descarbonización, de innovación" ou de "sostibilidade económica e social", o secretario xeral do PSdeG coida que "non vai ter moita saída" pola vía dos fondos europeos e, nunha entrevista coa Cadena SER, insta a Xunta a aclarar se porá fondos propios para unha fábrica que tras diversos "vaivéns", afirma, evidencia que se dedicaría á "produción masiva" de celulosa.
- Menos emprego do prometido, máis eucalipto e riscos: duro informe do Consello da Cultura sobre Altri
- HEMEROTECA | Altri triplicou a produción prevista na súa fábrica galega dende que pactou coa empresa da Xunta
- HEMEROTECA | Os fondos públicos que Altri reclama para instalarse en Palas dependen do visto e prace ambiental da UE