Unha veciña de Carballo, en estado grave tras ser agredida no que a Garda Civil investiga como un caso de violencia machista, segundo informa a CRTVG. Radio Nordés informa de que a muller, de 43 anos, presentaba fortes golpes na cabeza e foi trasladada ao CHUAC mentres as forzas de seguridade buscan o seu marido como sospeitoso do crime [Imaxe de arquivo - CC-BY-NC-SA Gz Contrainfo]
Fálase
Rueda convoca senllas xuntanzas con Ana Pontón e Valentín González Formoso para o vindeiro 6 de xuño. Tanto a portavoz nacional do BNG como o secretario xeral do PSdeG solicitaran ao presidente da Xunta encontros tras a súa toma de posesión para trataren diversos temas, a comezar pola crise de prezos. O titular do Goberno galego expón, en cartas remitidas a ambos líderes, que está aberto a abordar esa cuestión e mais outras como a xestión dos fondos europeos.
- As axendas de Pontón e Formoso para as primeiras xuntanzas oficiais con Rueda a un ano das municipais
- 🔊 PODCAST | Todos os nomes do presidente
- Ana Pontón: "O cambio de ciclo político xa empezou e a alternativa con vocación maioritaria é o BNG"
- Valentín G. Formoso: "O PSdeG está chamado a liderar o cambio en Galicia"
A xornalista lucense Érika Reija recibiu este sábado en Ferrol o premio José Couso á liberdade de prensa, promovido polo Colexio Profesional de Xornalistas e o Club de Prensa ferrolán. No transcurso dos actos, Reija leu o texto Na guerra da desinformación, fagamos que gañe a verdade, redactado por ela para o Día Internacional da Liberdade de Prensa, cun chamamento a volver ás orixes do xornalismo, primando "a calidade sobre a cantidade, as crónicas ben documentadas sobre os textos rápidos ou as conexións ininterrompidas".
O PP perdería tres escanos se as eleccións galegas se celebrasen agora e quedaría en 39, dous por riba da perda da maioría absoluta, segundo unha enquisa de Sondaxe, o instituto demoscópico do xornal La Voz de Galicia. O inquérito mantén o BNG como segunda forza con 19 escanos (=), seguido do PSdeG con 15 (+1) e outorga 2 a Galicia en Común (Podemos), actualmente fóra da Cámara. Segundo a enquisa, só o BNG (24,8%) obtería agora maior porcentaxe de voto que nas eleccións de 2020 entre os grupos que actualmente teñen representación. Na imaxe, o pleno do Parlamento celebrado esta semana.
Primeiro caso confirmado da varíola do mono en Galicia. O Sergas vén de recibir a ratificación do positivo, un varón da área sanitaria da Coruña-Cee que, segundo informa a Consellería de Sanidade, "permanece illado no seu domicilio". Saúde Pública, agrega, "xa se puxo en contacto cos seus contactos estreitos". O Sergas prevé "estar en disposición de realizar as PCR de confirmación" deste virus dende a semana vindeira. Polo momento, os casos sospeitosos en Galicia son 7, incluíndo o xa confirmado. Nesta entrevista con Sonia Villapol podes saber máis sobre a varíola do mono. Na imaxe (do CDC dos Estados Unidos), o virus visto ao microscopio.
O disco Puro Deleite que actualiza clásicos da música galega da mans de artistas e bandas actuais xa ten capa. É un deseño de Javier Ramírez e Deleite expón na súa web a historia desta creación. Cinco dos temas que comporán o disco xa poden escoitarse: Muinheira de Chantada, de Verto; Por última vez, de Ataque Escampe; Xuntos, de Familia Caamagno, O Tren de Ale e Miña Terra Galega, de Radio Océano.
Anulado o ditame do Instituto Geográfico Nacional que avalou a denominación 'ría del Eo' como oficial para a ría de Ribadeo. A Deputación de Lugo e o Concello ribadense avanzan que o Ministerio de Transportes, do que depende o IGN, atendeu parcialmente os recursos presentados por ambas institucións, a Xunta e diversas entidades e "ordena retrotraer as actuacións ao momento previo á solicitude dun informe á Comisión Especializada de Nomes Xeográficos", que terá que emitir un "novo ditame que conteña a motivación suficiente".
"A liberdade sexual xa é un dereito no Estado". O Congreso aproba a lei do 'só si é si' cos votos en contra de PP e Vox. A ministra de Igualdade, Irene Montero, sostivo no debate previo que con esta lei "España é desde hoxe un lugar máis libre e máis seguro para todas as mulleres". Desde o PSOE lembraron que a lei pasa o trámite parlamentar sen incluír a emenda para penalizar os locais onde se exerce a prostitución. Esta tarde, no Congreso tamén se aprobou a nova lei do audiovisual, que contén artigos moi criticados polos profesionais do sector. O debate das leis trasládase agora ao Senado.
A Audiencia da Coruña condena a oito anos e medio de cárcere a un home que violou a unha muller á que coñeceu por Tinder. O tribunal considera probado na sentenza que o acusado, de 18 anos, quedou coa vítima, de 20, en agosto de 2020 e no momento no que lle propuxo manter relacións sexuais, ao que a muller se negou porque carecían de preservativo, violouna facendo caso omiso das peticións de que parase, chegando a dicirlle que calase, "ata o punto de que a vítima, non sendo capaz de quitalo de encima, xa non fixo nada, entrando en estado de shock polo que estaba a suceder".
O acusado foi condenado como autor dun delito contra a liberdade sexual, na modalidade de violación, e dun delito contra a intimidade pola gravación que realizou co seu teléfono móbil de parte da violación. Contra a sentenza cabe presentar recurso.
O Estado deberá indemnizar dous ultras do Frente Atlético que foran presos polo asasinato de Jimmy e acabaron absoltos. Foran detidos por ameazar unha testemuña protexida e un deles sinalado pola policía como autor da morte do seareiro do Deportivo.