A alcaldesa da Coruña reitera a reclamación de que a Xunta transfira ao Concello os 7 millóns que vai recibir do Estado para vivenda por ser a cidade zona tensionada. "Non tería sentido que queden con eles cando xa dixeron por activa e por pasiva que non están de acordo" con esta aplicación da lei de vivenda estatal, resalta Inés Rey, quen lembra que "o Concello impulsou a declaración de zona tensionada" malia os "atrancos" do Goberno galego. O Goberno de España establece no Real Decreto que reparte os fondos que a Xunta debe "coordinar" o seu gasto cos concellos atinxidos, o coruñés (7 millóns) e o compostelán (3 millóns). Na imaxe, Rey coa súa homóloga de Santiago, Goretti Sanmartín, nunha xuntanza recente sobre políticas de vivenda.